A Deputación destaca a súa estratexia de xestión sostible no acto da Federación de Veciños polo Día da Árbore

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este sábado no acto organizado pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo con motivo do Día da Árbore, unha xornada que se celebra co obxectivo de concienciar á veciñanza sobre a necesidade de preservar as áreas forestais para asegurar a supervivencia das especies.
A institución provincial colaborou con este acto, que tivo lugar no barrio de Galegos de Lugo, achegando 18 exemplares de árbores autóctonas (loureiros, nogueiras e acivros) e regalou 250 plantas aos asistentes. Ao evento tamén asistiu o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, que estiveron acompañados de veciños e veciñas da cidade.
Carlos López felicitou á Federación Veciñal “non só por organizar un ano máis este acto, senón tamén polo seu constante compromiso co coidado do medio ambiente, un compromiso que compartimos desde a Deputación de Lugo, porque cremos firmemente na importancia de preservar a nosa contorna natural”.
Nesta liña, o Deputado destacou as accións que desenvolve a institución provincial “coas que impulsamos políticas de xestión sostible, fomentamos o uso responsable dos nosos recursos naturais e sensibilizamos aos veciños e veciñas da provincia sobre a importancia do seu coidado, porque estamos convencidos de que o primeiro paso para protexer o medio é valorar o que nos rodea”.
“Accións como o programa de hortos urbanos; as actividades de lecer e gratuítas sobre educación ambiental; ou a posta en valor das Reservas de Biosfera exemplifican á perfección a estratexia que impulsamos desde a Deputación”, rematou Carlos López.