Deputación de Lugo
Economía

San Marcos acolle un foro de expertos de España e Portugal para impulsar o desenvolvemento rural

Proxecto Agrosocial
O Presidente da Deputación inaugurou este venres a primeira reunión de traballo do proxecto Agrosocial, que conta con 1,9M€ de fondos europeos para promover a dixitalización, o relevo xeracional e a sustentabilidade no sector agroalimentario

José Tomé Roca: ”O reto que nos convoca é maiúsculo: facer do sector agroalimentario unha panca de desenvolvemento económico, social e tecnolóxico nos nosos territorios. E creo que a tradición agrogandeira que define Lugo tamén nos proxecta cara o futuro”

Lugo encabeza o grupo encargado de elaborar unha diagnose da situación por zonas e a creación dun plan integral adaptado a cada territorio co obxectivo de detectar os posibles retos e oportunidades cun orzamento de 231.759,61€

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres no Pazo de San Marcos a primeira reunión de traballo do proxecto Agrosocial, que impulsará o desenvolvemento do medio rural con 1,9M€ de fondos europeos. O encontro, no que participan durante toda a mañá diferentes expertos de España e Portugal, “é unha mostra tanxible dos froitos da cooperación transfronteiriza dentro do programa Interreg da Unión Europea”, valorou o mandatario provincial.

“O reto que nos convoca hoxe é maiúsculo: facer do sector agroalimentario unha panca de desenvolvemento económico, social e tecnolóxico dos nosos territorios”, anunciou Tomé Roca. Explicou o Presidente que Lugo é unha provincia de tradición agrogandeira, algo que “non só nos define, senón que nos proxecta cara o futuro” e que o compromiso da Deputación é transformar ese legado nunha vantaxe competitiva, dotala de innovación, tecnoloxía e valor engadido, porque “non se trata só de conservar o que temos, senón de mellorar, modernizar e facer de este sector un motor de crecemento”.

Destacou José Tomé que Lugo produce o 20% do leite de toda España, “o que non só implica unha potente capacidade produtiva, tamén unha cadea de valor que abrangue desde a produción primaria ata a transformación, a comercialización e a exportación”. 

O Presidente detallou que “debemos entender o sector agrogandeiro como un espazo de innovación, onde a tecnoloxía, a dixitalización e a sustentabilidade son claves para o futuro”. E engadiu que considera “imprescindible” dotar ás explotacións de infraestruturas modernas, acceso ás tecnoloxías de comunicación avanzadas, formación especializada e apoio financeiro para garantir a súa competitividade nun mercado globalizado. Nese sentido, fixo fincapé en que os proxectos nos que traballa a provincia van nesa liña, como a Granxa Gayoso Castro, un centro “de referencia” que xestiona a Deputación en Castro de Rei e que tamén é “un exemplo de como a colaboración entre produtores, investigadores e universidades xera un coñecemento útil e aplicable”. Tamén fixo referencia ao modelo de turismo da institución provincial, de experiencias, que encaixa coa actividade agroalimentaria.

“Desde a Deputación de Lugo defendemos un modelo de desenvolvemento rural que priorice a calidade de vida, a creación de emprego e o acceso a servizos esenciais. Porque sen emprego e sen servizos, o rural non pode manterse vivo”, destacou Tomé Roca, que puxo en valor que o traballo conxunto entre administracións, empresas, universidades e organizacións do sector “é o camiño para fortalecer o agro en España e Portugal e para construír un modelo de desenvolvemento rural baseado na innovación, sustentabilidade e respecto polas nosas raíces”.

O reto de transformar o sector agroalimentario

Concretamente, a Deputación de Lugo encabeza o grupo encargado de elaborar unha diagnose da situación por zonas –Galicia e norte de Portugal; zona centro, Extremadura e Alentejo; Alentejo, Algarve e Andalucía- e a creación dun plan integral adaptado a cada territorio co obxectivo de detectar os posibles retos e oportunidades do sector. Un labor para o que ten consignado un orzamento de 231.756,61€ e que terá que desenvolver nun prazo de dous anos, entre o 2024 e o 2026.

Baixo o nome de Proxecto Agrosocial, esta iniciativa financiada nun 75% por Europa céntrase nunha serie de retos comúns, como o desemprego, a despoboación no rural, o tamaño reducido das empresas, as dificultades para a dixitalización e o acceso á información, a sustentabilidade ambiental ou a cooperación transfronteiriza.