Deputación de Lugo

A Deputación apoia os Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics, que reúne a 150 deportistas galegos nas Pedreiras

Pablo Rivera Capón
Special Olympics
Xogos Special Olympics

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este sábado na piscina lucense das Pedreiras na 27ª edición dos Xogos Autonómicos de Natación organizados por Special Olympics Galicia. Durante o acto, Rivera Capón destacou a forza e a superación dos deportistas participantes, comparando o seu esforzo coa auga, que sempre atopa o seu camiño a pesar dos obstáculos.

"Aquí non hai imposibles, só desafíos superados. Non hai límites, só novos retos por conquistar. Como dixo Nelson Mandela: 'Sempre parece imposible ata que se fai'. E vós facédelo posible con cada brazada, con cada chegada, con cada sorriso", expresou o Deputado.

A Deputación de Lugo apoia este evento cunha achega de 8.000 euros, reafirmando o seu compromiso co fomento da práctica deportiva entre as persoas con capacidades diferentes e coa inclusión social a través do deporte. Rivera Capón subliñou a importancia do labor desenvolvido por Special Olympics durante máis de 30 anos, centrado na accesibilidade, a educación e a visibilización, e asegurou que "estes obxectivos nos impulsan a seguir traballando para desenvolver políticas sociais que favorezan a integración e a igualdade de oportunidades".

Na xornada deportiva participaron 150 deportistas de 15 asociacións de toda Galicia, entre elas as lucenses San Vicente de Paúl e Aspnais, ademais de máis de 50 persoas entre adestradores, voluntarios e integrantes da organización. Rivera Capón agradeceu especialmente o traballo das familias, dos adestradores e das persoas voluntarias, destacando que sen eles este camiño sería moito máis difícil.