A Deputación avanza na contratación de obras para mellorar 9 estradas con case 700.000€
Adxudicadas ademais diferentes actuacións para acondicionar 7 vías provinciais en Foz con 390.000€ e o camiño perimetral do Parque Central de Galicia que a Deputación está a construír na parroquia de Nugallás, en Antas de Ulla, por outros 144.000€
Aprobada tamén a programación anual de actividades de educación e divulgación ambiental que impulsa a institución provincial nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e que inclúe máis de 70 propostas de todo tipo
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres diferentes acordos que permitirán á institución provincial continuar avanzando na contratación de obras e actuacións para mellorar a súa rede de estradas. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen avanzou que a Deputación mobiliza 700.000€ para licitar e adxudicar traballos que afectarán a nove estradas ao seu paso polos concellos de Castro de Rei, Cospeito, Foz e Antas de Ulla.
“Cada venres damos conta de novos avances na contratación de diferentes actuacións para continuar rehabilitando, mantendo e mellorando a rede de estradas da nosa provincia”, valorou a Deputada. Nese sentido, apuntou que a Xunta de Goberno vén de licitar, cun investimento de 153.534,49€ as obras de mellora da estrada LU-P-1104, que é a que conecta os concellos de Castro de Rei e Cospeito desde Portomuiño a Momán.
García Porto explicou que as obras afectarán á totalidade da estrada -desde o inicio da vía ao punto quilométrico 7,624- e consistirán na reapertura de cunetas, reparación dos desperfectos no firme e repavimentación. O prazo para a execución destes traballos será dun máximo de tres meses desde o inicio das obras. “Trátase dunha actuación importante porque esta vía articula o norte do concello de Castro, dando servizo directo á veciñanza de varias parroquias e diferentes explotacións agrogandeiras”, valorou.
No que ten que ver coa mobilidade, quedaron ademais adxudicados dous contratos. En Foz, a empresa Grupo Bascuas 2008 SL será a encargada da mellora de diferentes tramos de sete estradas provinciais cun prazo de execución de tres meses e un importe total que ascende a 390.256,79€:
- Entre Campón e Cordido, a Deputación acondicionará algo máis de dous quilómetros -desde o punto quilométrico 2,630 ao 4,741- da LU-P-6303 á altura de Güín.
- Ademais a institución provincial actuará no total da estrada que conecta San Martiño e Foz ata Vilaxuane, a LU-P-2001 desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 5,215. “Nestas dúas estradas actuaremos coa reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado e sinalización”, informou.
- A Deputación reforzará tamén a sinalización na LU-P-2013, no tramo que dá servizo ao Colexio de Nois.
- Ademais, actuará na totalidade da LU-P-2009, desde o campo de fútbol Martínez Otero a Bispo Santo por Marzán.
- Mellorará un tramo de dous quilómetros ao inicio da vía que une A Cruz coa Praia de Llas, a LU-P-2006.
- E tamén os 700 primeiros metros da LU-P-2011, que vai de Marzán á Praia de Llas. “Nestas tres últimas vías que acabo de enumerar, os traballos consistirán na reparación da pavimentación e a reposición da sinalización”, engadiu Pilar García Porto.
- Finalmente, en Foz, a Deputación mellorará a drenaxe da LU-P-3101 desde o límite co Concello de Mondoñedo á conexión coa LU-152, desde o punto quilométrico 8,717 ao 13,024.
No concello de Antas de Ulla, a Deputación de Lugo continúa avanzando co proxecto do Parque Central de Galicia que está impulsando na parroquia de Nugallás para poñer en valor o centro xeográfico de Galicia. Nese sentido, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación das obras para o afirmado do camiño perimetral do complexo á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU, cun orzamento de 143.824,71€. Os traballos contemplan o movemento de terras, as obras de drenaxe, afirmado, estendido de aglomerado en quente e sinalización mediante o pintado de marcas reflexivas brancas.
Explicou García Porto que as obras do Parque Central, nas que a Deputación inviste 1,3M€, avanzan a bo ritmo. “Xa hai depuradora e acometida eléctrica, están soterradas as liñas e esta semana ían empezar co pórtico de entrada e o templete, ademais no edificio están a poñer os remates de pedra antes de facer a cuberta”, relatou.
Programación anual de actividades nas Reservas
A Xunta de Goberno aprobou ademais a programación anual de actividades de educación e divulgación ambiental da Deputación de Lugo nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
A proposta inclúe máis de 70 actividades, 25 obradoiros que se desenvolverán no Centro de Interpretación Terras do Miño e preto de 50 propostas que solicitaron os concellos e as asociacións que forman parte dos Órganos de Participación das dúas Reservas. “Unhas actividades que dan continuidade ás propostas que se están a desenvolver neste primeiro trimestre do ano”, explicou García Porto.
Desde o mes de abril, no Centro de Interpretación Terras do Miño, a programación continuará cun taller de artesanía en madeira con flores frescas, que se celebrará do 7 ao 11 de abril; e un obradoiro sobre métodos de propagación vexetal, do 21 ao 25 de abril. Nos meses seguintes, ata primeiros do 2026 a programación incluirá tamén outras actividades que teñen que ver coas novas tendencias en arte floral; fabricación de teares; encadernación; poda ou un curso intensivo de cerámica.
Ademais, as actividades da Reserva da Biosfera Terras do Miño complementaranse cunha xornada de cestería en Castroverde; un obradoiro de arte floral en Ourol; ou unha ruta fluvial polo río Miño.
En canto ás iniciativas que se van realizar na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, en Becerreá inclúese un campamento científico para nenos; unhas xornadas de xogos tradicionais na natureza ou un obradoiro de olaría tradicional. En Cervantes haberá unha actividade de astronomía e outra de ferramentas de venda online para emprendedores do rural. E en Navia de Suarna celebrarase un taller de micoloxía e outro gastronómico.
O prazo de inscricións destas actividades de balde que organiza a Deputación abrirase o 3 de abril e as persoas interesadas en anotarse poden facelo no teléfono 982 305 930 ou a través da páxina da institución: deputacionlugo.gal.