Máis de 160 persoas viaxarán esta semana co Coñece a túa provincia da Deputación
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, recibiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos á Asociación Cultural Airiños do Miño, de Meira, no marco do programa Coñece a túa provincia, a iniciativa de viaxes gratuítas posta en marcha pola institución provincial co obxectivo de dinamizar o turismo e a economía local. Esta semana participarán neste programa máis de 160 veciños e veciñas de Meira, Cospeito, Vilalba, Castro de Rei, O Corgo, Becerreá e a Pastoriza.
O mércores a Asociación Veciñal, Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino (Cospeito) partirán a ruta desde a produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación para despois coñecer, na Ribeira Sacra, o miradoiro sobre o Canón do Sil, realizar o percorrido en catamarán e visitar unha igrexa románica. Nesta mesma xornada, os integrantes do Instituto de Estudios Chairegos Pena do Encanto (Vilalba) coñecerán o Pazo de San Marcos e visitarán en Ribas de Sil a abadía de San Clodio e en Quiroga o Xeomiradoiro de Campodola, entre outros lugares.
O xoves viaxarán ata A Mariña a Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza (Castro de Rei) e a Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva Os Cinco Ríos (O Corgo). Os primeiros partirán do Centro de Interpretación Terras do Miño e despois visitarán o Museo Histórico de Sargadelos e o Paseo dos Namorados. Os segundos comezarán a ruta na Granxa Gayoso Castro da Deputación e logo achegaranse ata os fornos da Pontenova, a área recreativa de Boulloso e o miradoiro ornitolóxico de Ría de Abres en Trabada.
O venres rematarán as visitas da semana coa Asociación, Veciñal, Cultural, Deportiva os Grobos (Becerreá) e a Asociación de Veciños de Vian (A Pastoriza). Os veciños e veciñas de Becerreá escolleron unha ruta que partirá do Mazo de Santa Comba e na que despois descubrirán o convento do Divino Salvador de Ferreira de Pantón e a igrexa de San Miguel de Eiré. Ademais, tamén visitarán o núcleo dos Peares a unha adega da zona. Por outra banda, os integrantes da entidade pastoricense visitarán o Centro de Interpretación Terras do Miño, a aldea do Cebreiro e a localidade de Triacastela.
A quinta tempada do programa Coñece a túa provincia arrancou a pasada semana coa participación de case cen persoas de catro colectivos e desenvolverase en dúas quendas: a primeira delas será ata finais de xuño e a segunda retomarase do mes de setembro a outubro. En total, beneficiaranse máis de 3.000 persoas de entidades sen ánimo de lucro que teñen a súa sede nalgún dos 67 concellos da provincia.
Esta iniciativa tamén inclúe de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Ademais, estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia.