Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O Presidente da Deputación participa na 45º Feira do Viño de Amandi, que reuniu a unha vintena de adegas

JOSE TOMÉ
Feira do Viño
Amandi
Sober
José Tomé Roca asistiu este domingo na Praza do Concello de Sober ao día grande desta cita de exaltación dos viños con D.O. Ribeira Sacra, onde subliñou que “a actividade vinícola é unha das grandes protencialidades do noso sector primario”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo no día grande da 45ª edición da Feira do Viño de Amandi, celebrada na Praza do Concello de Sober coa participación dunha vintena de adegas. O programa de actividades desta cita incluía esta xornada actuacións musicais, un pregón a cargo da cantante natural do Incio Lucía Pérez, cata, misa con bendición de ramos e entrega de premios aos mellores tintos, brancos e rosados. 

José Tomé Roca subliñou a importancia de esta cita secular de exaltación dos viños con Denominación de Orixe Ribeira Sacra, destacando que “a actividade vitivinícola é unha das grandes potencialidades do noso sector primario”. Puxo en valor o Presidente o traballo dos organizadores e dos adegueiros, que “están levando a cabo un gran traballo, que está consolidando a presenza dos nosos viños nos mercados e, tamén, nas cartas de viños dos restauradores de maior prestixio”. 

O mandatario provincial destacou que aposta pola viticultura e polo conxunto do sector primario “é un obxectivo prioritario para a Deputación de Lugo”, porque “representa unha parte moi importante do PIB da nosa provincia, pero é tamén moi importante polo seu impacto social”. 

Tras a recepción de autoridades na Casa do Concello, tivo lugar o pregón e a entrega de premios. O Presidente tamén percorreu a feira para felicitar aos adegueiros polo seu traballo e brindar co resto de autoridades.