Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación achega 50.000€ ao Concello de Lugo para reforzar a proxección e a calidade do Arde Lucus 2025

arde lucus
A Xunta de Goberno aprobou este venres renovar a colaboración da institución provincial coa capital lucense para esta cita cun investimento que permitirá adquirir material para a confección de traxes de época ou a instalación de infraestruturas clave

“Esta achega responde a un compromiso claro do Presidente con esta festa que é xa un símbolo da nosa identidade, un referente internacional e un dos principais motores económicos, culturais e turísticos da provincia”, destacou Rivera Capón

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar este venres un convenio de colaboración co Concello de Lugo, a través do cal a institución provincial achega 50.000€ para a celebración do Arde Lucus deste ano 2025, reafirmando o seu compromiso con esta cita cultural e turística que se celebra entre o 12 e o 15 de xuño na capital lucense. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, tras a reunión semanal.

“Esta aportación responde a un compromiso claro do Presidente co Alcalde de Lugo para impulsar esta festa que é xa un símbolo da nosa identidade, un referente internacional da recreación histórica e, que representa un dos principais motores económicos, culturais e turísticos da provincia”, destacou Rivera Capón. 

Neste senso, o Deputado referiuse ao impacto económico e promocional que xera o Arde Lucus: “esta festa mobiliza arredor de 12M€ en retorno económico e sitúa a Lugo no mapa internacional, cun impacto directo en sectores estratéxicos como a hostalaría, o comercio, a restauración e os servizos turísticos”. “Durante eses días, Lugo acada niveis de ocupación hoteleira próximos ao 100 % e recibe ao redor de medio millón de visitantes, converténdose nun escaparate que proxecta ao exterior a cidade e a provincia”, engadiu.

Detallou que a achega da Deputación permitirá ao Concello de Lugo adquirir material para a confección de traxes de época; cubrir os gastos derivados da elaboración, impresión e distribución do cartel e do programa oficial; e a contratación para a instalación de infraestruturas clave, como a bancada do Pavillón dos Deportes para o Circo Romano, “un dos espectáculos máis atractivos e concorridos da festa de recreación histórica”. 

Engadiu ademais o Deputado que a institución provincial colabora tamén con esta festa coa cesión de espazos públicos, a promoción do evento a través do seu Servizo de Audiovisuais, campañas publicitarias e participación en feiras turísticas e medios de comunicación.

Dende a Deputación “levamos anos apostando de forma decidida por esta festa e esta nova achega reafirma o noso compromiso”, valorou Pablo Rivera, quen destacou que o apoio da institución provincial foi fundamental nas últimas edicións e continúa sendo clave para consolidar o Arde Lucus como unha festa recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional. “Seguiremos traballando da man do Concello de Lugo para que esta celebración continúe medrando, siga atraendo visitantes e siga situando a Lugo no mapa cultural e turístico”, concluíu.