O Presidente anuncia que a Deputación investirá máis de 175.000€ na restauración da contorna do Río Rato
“Este é un espazo público de lecer e deportivo cunha gran importancia ambiental, paisaxística, educativa e social para a veciñanza de Lugo; polo que estamos a actuar coa máxima dilixencia e solvencia posible”, valorou José Tomé Roca
Tras recibir o permiso da Confederación Hidrográfica, mañá venres a Xunta de Goberno aprobará estas actuacións que se financiarán con cargo ao fondo de continxencia que ten a institución provincial para este tipo de emerxencias no Orzamento
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anunciou este xoves que a institución provincial destinará máis de 175.000€ á restauración da contorna do Río Rato. Explicou que con motivo do “episodio meteorolóxico extremo” que viviu Lugo o pasado 11 de abril, as crecidas dos ríos Rato e Fervedoira causaron importantes estragos neste espazo natural que forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
“Este é un espazo público de lecer e deportivo cunha gran importancia ambiental, paisaxística, educativa e social para a veciñanza de Lugo; polo que estamos a actuar coa máxima dilixencia e solvencia posible”, valorou o mandatario provincial. Nese sentido sinalou que o primeiro que fixo a Deputación tras a borrasca foi encargar aos técnicos do servizo de Medio Ambiente a elaboración dun informe para calibrar os danos, valorar as actuacións máis urxentes e solicitar o permiso de obras á Confederación Hidrográfica.
Detallou Tomé Roca que os principais danos detectados polos expertos foron: o arrastre dos firmes granulares dos paseos; o arrastre das pontes e pasarelas de madeira, varandas e mobiliario urbano; as caídas de muretes de pedra e das escolleras que protexen as marxes do impacto da auga; e a acumulación de terra, pedras e vexetación no mobiliario urbano próximo ao leito dos ríos. E que tendo en conta a elevada afluencia de usuarias e usuarios e os riscos que a situación actual pode supoñer para a seguridade das persoas, “consideramos prioritario actuar con urxencia”.
Explicou que as actuacións consistirán en recuperar os firmes estruturais danados nos camiños; retirar os restos acumulados na ponte de Cestería e nas pontes de madeira arrastradas pola corrente; repoñer as cinco pasarelas de madeira ao longo do percorrido e tamén a senda pivotada que conecta o Paseo do Rato coa área verde da Tolda de Castela; e a reconstrución das escolleras empregando técnicas de bioenxeñería.
TRAGSA, a empresa pública e medio propio da Deputación, será a encargada dos traballos, “debido a súa natureza e a súa urxencia”. Subliñou o mandatario provincial que “TRAGSA ten experiencia en obras de bioenxeñería e recuperación de leitos fluviais polo que tamén garantimos con este encargo a solvencia dos traballos.
O orzamento previsto para esta actuación será de 175.286,07€, con cargo ao fondo de continxencia que ten a Deputación para este tipo de emerxencias no Orzamento provincial. O prazo de execución será de 3 meses desde o inicio das obras e está previsto que mañá, venres, queden aprobadas as actuacións en Xunta de Goberno, polo que poderán comezar a traballar nos vindeiros días e, “se todo avanza segundo o previsto, en setembro este espazo volverá a estar a disposición da veciñanza”.
As obras en detalle
Todos os camiños do Paseo do Río Rato próximos ao río foron afectados e a Deputación de Lugo deberá empregar 1.429 m3 de xabre e 205m3 de cachote para restaurar a súa estabilidade estrutural. Reporanse ademais cinco pasarelas de madeira, varandas e valados danados pola corrente, un tramo de senda pivotada e un banco de madeira.
Concretamente, a riada levou consigo 44 metros de estruturas da valla de diferentes características, que deberán ser repostas para garantir a seguridade das persoas usuarias do paseo. E empregaranse técnicas de bioenxeñería sobre 87,5 m2 do paseo e 66 metros de escollera que permitan renaturalizar o paseo.
No que ten que ver coas pasarelas melloraranse:
- Pasarela das Casetas de madeira. Trátase dunha ponte de 7 metros de longo por 2 de ancho que está situada á altura das casetas empregadas pola Deputación de Lugo para o mantemento das zonas verdes de titularidade provincial. Terá que substituírse a súa varanda de seguridade, que foi afectada na súa totalidade.
- Pasarela de Cruce dos camiños. Mide 7 metros de lonxitude e 1,5 de ancho. Está situada nun cruce de camiños do Paseo e deberá ser renovada na súa totalidade.
- Pasarela de acceso ao Centro de Permacultura. Contaba con 6 metros de longo por 1,5 de ancho e debe substituírse a estrutura e a varanda.
- Pasarela Cascada. Trátase dunha pasarela situada próxima á cascada do Rato. Foi danada na súa estrutura de xeito total e desprazada pola riada varios metros máis abaixo. Deberá ser substituída mediante unha estrutura similar de 5 metros de longo e 1,5 metros de ancho coa súa varanda de seguridade.
- Pasarela situada antes da Cascada. Trátase dunha pasarela de madeira de 5,7 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho que foi arrincada dos seus apoios pola riada e que quedou varada río abaixo. Deberá ser substituída na súa totalidade, tanto a estrutura como a varanda.
- Senda pivotada Tolda de Castela. Na zona que conduce desde o Paseo do Rato ata a Tolda de Castela, produciuse o deterioro e varios danos estruturais sobre a plataforma de madeira pivotada. Víronse afectados 14 m2 que deberán ser substituídos.
Outras actuacións da Deputación na contorna do Rato para a súa posta en valor
Destacou o Presidente que a contorna do Rato “ten moitísima importancia para Lugo polo seu valor ecolóxico e ambiental, porque se sitúa nunha zona de alta biodiversidade. É un dos espazos máis accesibles da Reserva desde a capital da provincia, o que o converte nun lugar estratéxico para a educación ambiental, representando o exemplo perfecto de como se pode integrar un espazo natural no entorno urbano”.
Valorou que tamén no Rato “conservamos elementos etnográficos como muíños, pasarelas e camiños que nos axudan a preservar a nosa identidade cultural e natural. Somos moi conscientes da súa importancia e así o demostramos nos últimos anos”. José Tomé Roca enumerou diferentes accións levadas a cabo pola Deputación para a súa posta en valor, como a mellora da estrada provincial que lle dá acceso, a LU-P-2925; a creación de 2,5 quilómetros de carril bici; a dotación dun sistema de iluminación con preto de 300 puntos LED; ou a posta a disposición á cidadanía de 150 hortos urbanos gratuítos que favorecen o lecer ambiental, a agricultura ecolóxica e os hábitos de vida saudables.