A Vicepresidencia da Deputación e o Concello de Alfoz asinan o convenio para a renovación da cuberta do pavillón municipal
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Alfoz asinaron o convenio de colaboración que canalizará o financiamento da renovación da cuberta do pavillón municipal, cun investimento de 143.000 euros por parte da institución provincial.
A colaboración refrendouse nunha visita ao concello do vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o deputado de Mocidade Daniel García que, acompañados pola alcaldesa Efigenia Maseda e polo concelleiro de Deportes Eliseo Lorenzo, pudieron comprobar as condicións da instalación e as características da actuación prevista polo goberno municipal, que suporá a renovación completa da cuberta actual para solventar os problemas de pingueiras e filtracións.
Durante a visita, pùxose de relevo a importancia da instalación que, ademais de acoller a actividade que se programa desde o concello a través das escolas deportivas, se emprega para as clases de educación física e os recreos a cuberto do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro e para outros eventos culturais ou lúdicos do concello e das asociacións veciñais.
Efrén Castro e Daniel García reiteraron “o apoio da Vicepresidencia da Deputación a este proxecto que vai máis aló dun investimento nunha instalación deportiva, xa que o pavillón actúa como espazo de encontro e convivencia veciñal e acolle tamén parte da actividade escolar”.
O proxecto contempla a retirada da cuberta de placas de aceiro e a instalación dunha nova envolvente de panel sándwich. Tamén inclúe a renovación dos canlóns, baixantes e translúcidos afectados pola intervención.