A Presidenta e o Alcalde comproban a renovación da Avenida Infanta Elena que soporta un tráfico diario duns 9.000 vehículos
A Presidenta da Deputación, Carmela López, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, comprobaron este venres a renovación da Avenida Infanta Elena para a que a institución provincial investiu un total de 2,4M€ e que soporta un tráfico diario duns 9.000 vehículos. Carmela López e Miguel Fernández percorreron parte desta infraestrutura no último tramo acondicionado, desde a Glorieta de Garaballa á de Benigno Rivera, que era o treito que quedaba para o seu desdobramento completo e que quedou inaugurado en decembro.
“Sabemos que a mobilidade é un factor fundamental para o desenvolvemento dos nosos concellos e por iso é algo para o que destinamos máis do 21% dos recursos, 27M€ este ano”, destacou a Presidenta. Felicitou ao Alcalde polo modelo de cidade que está a impulsar e polo que o Goberno local leva anos apostando, unha cidade aberta, accesible e cómoda para a veciñanza. Nese sentido, López considera que estas obras contribúen a avanzar cara ese proxecto municipal, dotando a Lugo dunha entrada “acorde ao fluxo de tráfico que ten e á entidade desta avenida da capital, o acceso principal á parte norte da cidade e que concentra unha gran actividade comercial e industrial.”
Os traballos da Deputación de Lugo entre a Glorieta de Garaballa e Benigno Rivera afectaron aos últimos 456 metros da avenida e completan a rehabilitación integral dos 2,7 quilómetros que mide esta vía. Só neste tramo, a Deputación investiu 1,3M€ para dotalo con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha e tres carrís de circulación por sentido. Na marxe dereita as obras permitiron acondicionar un carril bici cun ancho de 3 metros; e en ambos sentidos unhas beirarrúas de 4,05 metros de ancho, con árbores, iluminación, bancos e papeleiras. Tamén se realizou a renovación e a dotación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, co fin de dotar de servizos a un futuro crecemento da cidade.
Carmela López recordou que no marco do compromiso da institución provincial coa mobilidade, as obras de mellora do primeiro tramo da avenida Adolfo Suárez, a entrada de Lugo pola Fervedoira -un acceso importantísimo para a futura intermodal- están en proceso de contratación.
Pola súa parte, Miguel Fernández destacou que “esta intervención supón todo un avance nese modelo de cidade que defendemos e que todos e todas desexamos: un Lugo aberto, onde se gañan espazos públicos para a veciñanza”. O Rexedor agradeceu o compromiso da Deputación e o importante esforzo inversor realizado para acometer a ampliación desta entrada a Lugo, e tamén, a mellora na seguridade do tráfico rodado e peonil. “O cambio experimentado neste acceso á cidade foi importantísimo, cunha intervención para unha vía máis ampla, segura, iluminada e con novo mobiliario urbano, que ademais vai favorecer tamén a unha zona con gran peso comercial e industrial”, valorou.