Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acollerá en maio un congreso de referencia no ámbito da xerontoloxía e da xeriatría

carmela lópez
miguel fernández
xerontoloxia
Carmela López presentou xunto ao Alcalde de Lugo e o presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía a 26 edición dun foro que abordará o 22 e o 23 de maio o envellecemento activo, integración social e a ética nos coidados

“Que a Deputación sexa sede deste encontro é un recoñecemento ao traballo que vimos desenvolvendo na atención ás persoas maiores, como o modelo público e de proximidade que aplicamos na nosa rede de residencias públicas”, destacou a Presidenta

O Pazo de San Marcos acollerá o 22 e 23 de maio a 26 edición do Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía, un foro de referencia no ámbito do envellecemento. Así o anunciaron este venres a Presidenta da Deputación, Carmela López, o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía (SGXX), José María Faílde, na presentación que tivo lugar na Sala de Xuntas da sede provincial.

Carmela López destacou que é unha honra que Lugo sexa sede deste foro porque “é un recoñecemento ao traballo que vimos desenvolvendo na atención ás persoas maiores e á prioridade que lle damos ás políticas de coidados”. Explicou que Lugo é unha provincia envellecida, polo que “falar de lonxevidade non é unha cuestión teórica: é unha prioridade política e social”. Así mesmo, engadiu que “vivimos máis anos, e iso é un éxito colectivo. Pero o verdadeiro desafío é que esa vida sexa con dignidade, con dereitos garantidos e con servizos públicos á altura”. 

“Desde a Deputación apostamos por un modelo público e de proximidade, especialmente a través da nosa rede de residencias públicas, que permite ás persoas maiores permanecer preto da súa casa e da súa xente. Defendemos que os coidados son un dereito, non un privilexio nin un negocio”, explicou mandatario provincial. 
A Presidenta recalcou que investir en coidados é investir en cohesión social, en igualdade e en futuro para o noso territorio”. Enfatizou neste senso, que este congreso “será unha oportunidade para abrir debate sobre cuestións fundamentais: como combater o idadismo, como adaptar os servizos á nova realidade demográfica ou como incorporar innovación sen perder o trato próximo”. Para iso, aseverou López “as administracións temos a responsabilidade de escoitar, aprender e transformar ese coñecemento en políticas concretas”.


Pola súa parte, Miguel Fernández sinalou que un dos maiores desafíos na comunidade “é non só vivir máis, senón vivir mellor”. En Lugo sabemos moito de retos demográficos, temos unha poboación moi avellentada, con máis de 22.000 persoas que superan os 65 anos de idade”. Polo que os asuntos que vai se van a tratar neste congreso  nos toca de preto, “desde ocio activo para persoas maiores, as desigualdades ante o avellentamento, adecuar a atención social e o avellentamento saudable nas zonas rurais”. Por iso, o concello de Lugo está encantado de colaborar con esta cita “porque estamos comprometidos co ocio activo e unha atención asistencial de calidade, que demostramos con programas sociais en marcha como pode ser o de Acompañámoste, Xantar na casa ou a Axuda no Fogar”, aseverou o Alcalde. 

Baixo o lema de Vivir máis, vivir mellor: dignidade, dereitos e coidado na lonxevidade, estas xornadas reunirán en Lugo a 70 relatores que intercambiarán coñecementos con profesionais e expertos do sector que participarán a través de talleres, mesas redondas e actividades de networking. O Congreso está aberto a profesionais sanitarios, investigadores en envellecemento e ciencias sociais, xestores e responsables de políticas públicas e servizos sociosanitarios e persoas interesadas nos procesos de envellecemento e modelos de atención integral.

Na presentación participaron tamén o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o Vicepresidente da SGXX, José Ramón Martínez; e a vogal da sección clínica da entidade, Vanessa Álvarez Vidal.

Mesa redonda sobre as políticas provinciais de apoio á poboación maior

O sábado 23, entre as 13:00 e as 14:00 horas as políticas provinciais de apoio á poboación maior no medio rural que impulsa a Deputación de Lugo serán as protagonistas dunha das mesas redondas desta cita. Unha oportunidade para a institución provincial de difundir o seu modelo de residencias, centros de pequeno tamaño, asentados no rural da provincia e centrados nas persoas.