Deputación de Lugo

A Deputación inicia o arranxo da ponte da estrada que conecta Vilalba e Chavín pola Balsa

Está previsto que as obras, que comezaron coa colocación dos marcos da estrutura danada durante o inverno polos temporais, teñan unha duración dun mes e permitan a reapertura ao tráfico da LU-P-6502 á altura do quilómetro 22,2, ao seu paso por Muras

A Deputación vén de iniciar os traballos de arranxo da ponte da estrada LU-P-6502, que conecta Vilalba e Chavín pola Balsa. Unhas obras que comezaron coa colocación dos marcos da estrutura danada durante o inverno polos temporais, que mantiña cortada ao tráfico esta vía provincial á altura do quilómetro 22,2, no termo municipal de Muras.

Unhas actuacións que se están a realizar cun investimento da institución provincial que supera os 27.000€ e que consisten na reconstrución da infraestrutura e a reposición da plataforma. Está previsto que no prazo dun mes volva a estar aberta á veciñanza.

Situada entre a Terra Chá e o sistema montañoso do norte da provincia, esta estrada é moi importante para a comunicación de varias parroquias do rural de Muras e a súa conexión con Vilalba. Nesta zona da provincia, sen alternativas directas, os desvíos obrigan á veciñanza a percorrer máis quilómetros, polo que a actuación da institución provincial permitirá reducir os tempos de desprazamento e reforzar a seguridade viaria nunha zona de baixa densidade de poboación e gran dispersión.

A institución provincial comezará despois outras obras para a mellora do firme nun tramo de seis quilómetros desta estrada, unha actuación que forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe, ademais, a rehabilitación doutro treito ao inicio da LU-P-3402, que conecta A Gañidoira coa parroquia do Viveiró cun orzamento de 250.000€