Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación licitará a redacción do proxecto de ampliación do Pazo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
Pazo Provincial de Deportes
ÁREA DE DEPORTES
Reunión institucional para falar da ampliación do Pazo Provincial dos Deportes
Efrén Castro avanzou a decisión tras a reunión mantida co Concello de Lugo e a Xunta de Galiza, que manifestaron “vontade” de colaboración sen “concreción”

O vicepresidente lamentou que o Consello Superior de Deportes non asistira á xuntanza

Lugo, 3 de setembro 2026.-   Efrén Castro avanzou que a Deputación de Lugo comezará a traballar no procedemento para licitar a redacción do proxecto de ampliación do Pazo dos Deportes.

O vicepresidente anunciou a decisión tras a reunión insterinstitucional celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos, na que participaron Roberto García, secretario xeral para o Deporte, Elena Candia, alcaldesa de Lugo, Damián Carballo, concelleiro de Deportes en Lugo e a deputada provincial Iria Castro. O Consello Superior de Deportes (CSD) non asistiu á convocatoria, cursada o pasado 30 de xullo.

O vicepresidente valorou a “boa vontade” amosada polo Concello de Lugo e a Xunta de Galiza malia “a falta de concreción”, argumentada na ausencia da CSD. “Nós evidentemente tamén cremos que o CSD debe participar e seguiremos tratando de manter reunións co goberno do Estado para que se sume a este proxecto e de concretar un compromiso firme da Xunta e do Concello, pero non queremos engancharnos nun debate eterno, como pasou outras veces con esta instalación, e comezaremos o procedemento para licitar a redacción do proxecto”

Efrén Castro explicou que a redacción do proxecto seguirá a liña marcado no estudo de viabilidade técnica da ampliación realizado pola empresa Desmonts Sierra. O informe contempla a creación dunha nova estrutura perimetral no exterior do edificio, a altura da terceira planta, que permitiría habilitar novos corredores de distribución e ocupar os actuais con gradas fixas para ampliar en 1000 prazas a capacidade do recinto.

A este respecto, o vicepresidente aclarou que “como se fixo co estudo de viabilidade técnica, a redacción do proxecto de ampliación se abordará tendo en conta a necesidade de compatibilizar a actividade deportiva coa execución das obras”.

O estudo, que estima o custo da reforma en 13 M€, presentouse publicamente o pasado 27 de maio e remitiuse a todas as administracións o  pasado 9 de xuño.