A Vicepresidencia da Deputación licitará a redacción do proxecto de ampliación do Pazo
O vicepresidente lamentou que o Consello Superior de Deportes non asistira á xuntanza
Lugo, 3 de setembro 2026.- Efrén Castro avanzou que a Deputación de Lugo comezará a traballar no procedemento para licitar a redacción do proxecto de ampliación do Pazo dos Deportes.
O vicepresidente anunciou a decisión tras a reunión insterinstitucional celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos, na que participaron Roberto García, secretario xeral para o Deporte, Elena Candia, alcaldesa de Lugo, Damián Carballo, concelleiro de Deportes en Lugo e a deputada provincial Iria Castro. O Consello Superior de Deportes (CSD) non asistiu á convocatoria, cursada o pasado 30 de xullo.
O vicepresidente valorou a “boa vontade” amosada polo Concello de Lugo e a Xunta de Galiza malia “a falta de concreción”, argumentada na ausencia da CSD. “Nós evidentemente tamén cremos que o CSD debe participar e seguiremos tratando de manter reunións co goberno do Estado para que se sume a este proxecto e de concretar un compromiso firme da Xunta e do Concello, pero non queremos engancharnos nun debate eterno, como pasou outras veces con esta instalación, e comezaremos o procedemento para licitar a redacción do proxecto”
Efrén Castro explicou que a redacción do proxecto seguirá a liña marcado no estudo de viabilidade técnica da ampliación realizado pola empresa Desmonts Sierra. O informe contempla a creación dunha nova estrutura perimetral no exterior do edificio, a altura da terceira planta, que permitiría habilitar novos corredores de distribución e ocupar os actuais con gradas fixas para ampliar en 1000 prazas a capacidade do recinto.
A este respecto, o vicepresidente aclarou que “como se fixo co estudo de viabilidade técnica, a redacción do proxecto de ampliación se abordará tendo en conta a necesidade de compatibilizar a actividade deportiva coa execución das obras”.
O estudo, que estima o custo da reforma en 13 M€, presentouse publicamente o pasado 27 de maio e remitiuse a todas as administracións o pasado 9 de xuño.