Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación adxudica a reforma da Escola Provincial de Piragüismo para mellorar a súa funcionalidade e eficiencia enerxética

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
ESCOLA PROVINCIAL PIRAGÜISMO
A obra foi adxudicada por un importe de preto de 315.000 euros, cun prazo de execución de 9 meses.

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a adxudicación das obras de reforma da Escola Provincial de Piragüismo, por un importe de 314.711,86 euros. O proxecto, financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inclúe a ampliación dos vestiarios, a renovación da instalación térmica e da carpintería e a mellora da accesibilidade ao edificio.

A actuación máis relevante desenvolvenrase na planta baixa do edificio,  onde se suprimirán os espazos menos funcionais para unificar as dúas zonas de hangar e ampliar as zonas de vestiario, tanto masculina como feminina.

Ademais da ampliacion, o proxecto contempla a renovación completa dos vestiarios, tanto en distribución como en instalacións e acabados.  Tamén se construirá unha sala de caldeiras e unha nova instalación de enerxía solar térmica para a auga quente sanitaria, que xunto á renovación de elementos de carpintería mellorará a eficiencia enerxética do edificio.

No exterior, a intervención centrarase na creación dunha rampa desde a rúa de acceso ata a entrada  principal ao inmoble.

A adxudicación fixa un prazo de execución de nove meses, a partir da sinatura do contrato.

Pantalán accesible

O proxecto contempla tamén habilitar novas portas de saída do hangar,  preparando o edificio para a creación dun pantalán accesible, que facilite o acceso ao río de piragüistas con mobilidade reducida.

Esta intervención na plataforma de acceso ao río e no pantalán abordarase nunha segunda fase, unha vez se conclúa a redacción dun proxecto específico para este ámbito, seguindo as indicacións emitidas pola Confederación Hidrográfica.