Mondoñedo prepáranse para a edición 870 das San Lucas, que contan un ano máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación
Xabier Díaz, The Rapants, Abraham Cupeiro destacan no cartel musical das feiras e festas mindonienses, do 16 ao 25 de outubro
Mondoñedo, 26 de setembro de 2026.- O deputado Daniel García participou esta tarde na presentación das San Lucas de Mondoñedo, que celebrarán do 16 ao 25 de outubro a súa edición 870 e que seguen sumando edicións como unha das feiras máis antigas das que se celebran en Europa.
No acto, celebrado no Concello de Mondoñedo, a Asociación As San Lucas de Mondoñedo presentou o cartel, deseñado por Diego Núñez, e desvelou o programa de actividades musicais, lúdicas e divulgativas que acompañarán a baixada dos cabalos do 17 e a gran feira tradicional de gando do 18, con concertos de The Rapants, Xabier Díaz, Abraham Cupeiro ou Luar na Lubre.
O deputado valorou o traballo desenvolvido pola organización: "O contacto é continuo ao longo de ano e sabemos que nesta edicióm sentistes especialmemte sobre os vosos ombreiros o peso da historia, que preparastes con moito esforzo e coidado esta 870 edición"
"As San Lucas son unha celebración moi especial para Mondoñedo, para a Mariña e para todo país, porque nela encontramonos coa orixe, coa raíz, cunha tradición na que nos recoñecemos, individualmente e tamén como pobo", dixo o deputado que, como responsable de Rural no goberno provincial, lembrou a importancia da gandería para o futuro das San Lucas.
"O corazón das San Lucas está na baixada dos cabalos e nos curros da feira, que dependen directamente da continuidade da gandería , especialmente da gandería extensiva - da cría de cabalos no monte-, como actividade produtiva, rendible, con relevo xeracional", destacou na súa quenda de intervención, na que lembrou a Luciano García, da gandería Xan das Bouzas, falecido o pasado mes de xullo.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros. Ademais, a área de Rural dá apoio organizativo e loxístico á feira gandeira. Nesta edición, tamén se poderá ver en Mondoñedo a exposición fotográfica "Gardiáns" de Jorge Arévalo, que mostra desde o punto de vista documental e creativo o traballo en ganderías de razas autóctonas.
Homenaxe a Luciano García
O acto de presentación estivo marcado tamén pola lembranza de Luciano García, da gandería Xan das Bouzas, de Curros, falecido o pasado mes de xullo, un dos impulsores da baixada dos cabalos, un dos momentos máis icónicos das San Lucas.