Cultura
Deputación de Lugo

Mondoñedo prepáranse para a edición 870 das San Lucas, que contan un ano máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación

AS SAN LUCAS
mondoñedo
festas
DANIEL GARCÍA
Presentación das festas das San Lucas de Mondoñedo
Daniel García: "O corazón das San Lucas está na baixada dos cabalos e nos curros da feira, que dependen directamente da continuidade da gandería extensiva como actividade produtiva, rendible e con relevo"

Xabier Díaz, The Rapants, Abraham Cupeiro destacan no cartel musical das feiras e festas mindonienses, do 16 ao 25 de outubro

Mondoñedo, 26 de setembro de 2026.- O deputado Daniel García participou esta tarde na presentación das San Lucas de Mondoñedo, que celebrarán do 16 ao 25 de outubro a súa edición 870 e que seguen sumando edicións como unha das feiras máis antigas das que se celebran en Europa.

No acto, celebrado no Concello de Mondoñedo, a Asociación As San Lucas de Mondoñedo presentou o cartel, deseñado por Diego Núñez, e desvelou o programa de actividades musicais,  lúdicas e divulgativas que acompañarán a baixada dos cabalos do 17 e a gran feira tradicional de gando do 18, con concertos de The Rapants, Xabier Díaz,  Abraham Cupeiro ou Luar na Lubre.

O deputado valorou o traballo desenvolvido pola organización: "O contacto é continuo ao longo de ano e sabemos que nesta edicióm sentistes especialmemte sobre os vosos ombreiros o peso da historia, que preparastes con moito esforzo e coidado esta 870 edición"

"As San Lucas son unha celebración moi especial para Mondoñedo, para a Mariña e para todo país, porque nela encontramonos coa orixe, coa raíz,  cunha tradición na que nos recoñecemos, individualmente e tamén como pobo", dixo o deputado que, como responsable de Rural no goberno provincial, lembrou a importancia da gandería para o futuro das San Lucas.

"O corazón das San Lucas está na baixada dos cabalos e nos curros da feira, que dependen directamente da continuidade da gandería , especialmente da gandería extensiva - da cría de cabalos no monte-, como actividade produtiva, rendible, con relevo xeracional", destacou na súa quenda de intervención, na que lembrou a Luciano García, da gandería Xan das Bouzas, falecido o pasado mes de xullo.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros. Ademais, a área de Rural dá apoio organizativo e loxístico á feira gandeira.  Nesta edición, tamén se poderá ver en Mondoñedo a exposición fotográfica "Gardiáns" de Jorge Arévalo,  que mostra desde o punto de vista documental e creativo o traballo en ganderías de razas autóctonas.

Homenaxe a Luciano García

O acto de presentación estivo marcado tamén pola lembranza de Luciano García, da gandería Xan das Bouzas, de Curros, falecido o pasado mes de xullo, un dos impulsores da baixada dos cabalos, un dos momentos máis icónicos das San Lucas.