Menu toggle
Medio Rural e do Mar, Mocidade

Cando as características das entidades e dos proxectos dificulta a concorrencia pública, atendendo ao interese público, social ou económico, a área de Medio Rural, Mar e Mocidade xestiona subvencións extraordinarias con ASOPORCEL, BOAGA, MUVICA, OVICA e PURAGA

 

 

ASOPORCEL

A Asociación de Criadores da Raza Porco Celta (ASOPORCEL), foi creada no ano 1999 a instancias dun grupo de gandeiros que tiñan inquietude pola máis que probable desaparición da raza. É unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa ós criadores dispersos por toda a xeografía galega.
Na actualidade, ASOPORCEL continúa coa liña de traballo iniciada dende a súa creación, mantendo o obxectivo primordial de recuperar o patrimonio xenético desta raza, predominante en Galiza ata principios do século XX. Para acadar esta meta trabállase nos obxectivos marcados dende os seus inicios.
Obxectivos de ASOPORCEL:

  • A conservación, recuperación e mellora da raza porco celta.
  • Integrar, representar, defender e promover os intereses dos criadores desta raza e ser seus interlocutores válidos coas administracións nos asuntos relacionados co sector.
  • A participación e fomento nos estudos que teñan por obxecto a raza porco celta.
  • Estimular e fomentar a modernización das explotacións e a profesionalización dos gandeiros para aumentar as producións, a calidade dos seus produtos e a súa comercialización. 
  • A colaboración con outras asociacións ou federacións afíns, tanto a nivel autonómico coma estatal ou internacional, para establecer as relacións e os acordos que se estimen convenientes. 
  • Promocionar, defender e difundir a raza e os seus produtos derivados entre o público en xeral

No ano 2020 a área de Medio Rural, Mar e Mocidade colabora con ASOPORCEL con 3.988,30 €, co obxecto de colaborar no financiamento da execución da actuación denominada “Proposta para garantir a trazabilidade na produción e comercialización da raza Porco Celta”. A trazabilidade é fundamental para a recuperación e conservación da raza de Porco Celta, este proxecto axuda a identificar cada animal garantindo a súa autenticidade.

 

BOAGA

A Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) é unha federación de asociacións sen ánimo de lucro que se constitúe en febreiro de 2001 e que nace coa finalidade básica de conservar e recuperar o patrimonio zooxenético que representan as razas autóctonas.

Desde BOAGA establecen os seguintes obxectivos:

  • A conservación paisaxística e medioambiental do territorio galego a través das nosas razas autóctonas.
  • A mellora e incremento da produtividade das explotacións gandeiras dos nosos produtores.
  • A potenciación e desenvolvemento das marcas para diferenciar as producións das razas autóctonas. O poder das marcas un produto diferente.
  • A potenciación do gandeiro como empresario. Que o gandeiro teña visión de empresario.
  • O impulso cara unha gandería e medio natural modernos, viables, sostibles e tradicionais.

Durante o ano 2020 Boaga leva a cabo o proxecto “fortalecemento do etiquetado de produtos con selo 100%raza autóctona, das razas autóctonas galegas” co que a área de Medio Rural, Mar e Mocidade colabora achegando 3.300,58 €. A correcta etiquetaxe dos produtos de razas autóctonas benefician a numerosos sectores: as ganteirías, transformación, comercialización e finalmente ao consumo. Este etiquetado aumenta a competitividade dos produtos, poñendo en valor a calidade, achegando valor engadido e favorecendo a sostenibilidade do medio rural

 

MUVICA

O Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria (MUVICLA) é un proxecto museolóxico innovador, para mellorar o coñecemento do rural galego de xeito integrado dentro dunha explotación agrogandeira en pleno funcionamento e co atractivo da maquinaria agrícola de época. Todas as pezas “expostas” están “vivas” e en funcionamento.

A área de Medio Rural, Mar e Mocidade colabora con 3.680,82 € coa exposición temporal “Promoción e difusión da historia do medio rural a través da mecanización”  onde se expoñen diversos exemplos de marcas de automóbiles de luxo que comezaron fabricando maquinaria agricola e mostrando como o medio rural e a agricultura constitúen as orixes de nosa cultura, reflexionando sobre a importancia de manter vivo o rural. 

 

OVICA

OVICA (Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia) naceu en 1994. Nestes anos logrou agrupar a produtores de gando ovino e caprino, tanto de carne coma de leite no conxunto de Galicia. Trátase dun  axente dinamizador do sector grandeiro, impulsando a súa estruturación e desenvolvemento. A Asociación ten, entre outros os seguintes obxectivos recoñecidos nos seus Estatutos:

  • Fomento, difusión e profesionalización do sector ovino e cabrún galegos.
  • Representación e defensa dos intereses profesionais, socioeconómicos e culturais dos seus asociados.
  • Promoción e comercialización das producións dos seus asociados.
  • Contribución á continua mellora da calidade de vida dos gandeiros, con actuacións encamiñadas á prevención de riscos laborais, seguridade e saúde no traballo e fomento da igualdade.

A crise sanitaria propiciada pola COVID-19 castigou severamente ao secto ovino e caprino, as vendas das gandeirías asociadas a OVICA baixaron tanto en cantidade como en prezo. Para intentar mellorar a situación a Área de Medio Rural, Mar e Mocidade apoia o plan de “fomento e difusión do sector ovino e cabrún na provincia de Lugo” cunha axuda de 3.800 €. Este plan inclúe a renovación da páxina web, para que sexa unha verdadeira canle de comunicación e información útil para as persoas con gandeirías de ovino e caprino, poñer en marcha a canle de comercialización directa “Pastores de Galicia”, así como publicitala e facela visible aos consumidores a través da plataforma ofertada polo diario El Progreso

 

PURAGA

A Asociación de criadores do cabalo de Pura Raza Galega (PURAGA) é unha asociación sen animo de lucro, creada en outubro de 2005. O obxectivo primordial desta asociación é a de preservar e protexer o Cabalo de Pura Raza Galega, representando, defendendo e promovendo unha mellora na conservación da mesma e do fomento da cría entre os gandeiros e gandeiras da nosa comunidade.

O sistema de cria tradicional achéga ao Cabalo de Pura Raza Galega un gran valor medioambiental, ademáis da importancia etnográfica e turística e do importante papel na definición e conservación da paisaxe. 

Dende PURAGA lévase a cabo un traballo de valorización do Cabalo de Pura Raza Galega, como ferramenta para a xestión de espazos, buscando unha rendibilidade económica para os criadores da raza, por iso a creación dun libro xenealóxico é un dos principais obxectivos da asociación. Outros deles son

  • Realización de campañas de concienciación pública para dar a coñecer os cabalos PRG.
  • Promoción do uso do cabalo PRG no mundo hípico. Posta en valor das aptitudes innatas dos cabalos de Pura Raza Galega marchadores naturais, revalorizando estes animais.
  • Asesoramento e servicio aos gandeiros e gandeiras que o requiran, tanto a nivel sanitario e zootécnico.
  • Realización e organización de concursos, feiras e exhibicións.
  • Divulgación e valorización das posibilidades productivas da raza.
  • Campañas de sensibilización social e fomento da súa carne e os seus productos derivados.
  • Uso de certificados de calidade como Potro Gallego ou o selo 100x100 raza autóctona Cabalo de Pura Raza Galega 

Para fomentar o coñecemento das posibilidades da carne e dos produtos de poldro galego a Área de Medio Rural, Mar e Mocidade, apoia con 5.130 € a iniciativa “Promoción poldro galego e publicidade”  de PURAGA e a degustación que organiza co obxectivo de darlle visibilidade aos gandeiros criadores de Poldro Galego.

Co mesmo obxectivo editarase material de publicitario e un caderno informativo no que se poña en valor a influencia social e deportiva da Pura Raza Galega e se dea a coñecer a súa historia e o valor medioambiental da súa cria.