Deputación de Lugo

A Deputación pide á Xunta que os concellos xestionen o 15% dos fondos Covid

presidente; deputados; corporación; pleno
Deputación de Lugo
Covid-19
Pleno abril 2021 Deputación de Lugo
O Pleno aprobou unha proposta socialista para que a administración autonómica transfira recursos ás entidades locais, que tiveron que asumir competencias impropias durante a pandemia como a desinfección de colexios

Tamén se acordou por unanimidade instar ao executivo galego o traspaso ao SERGAS dos servizos sanitarios municipais, como os Servizos de Prevención e Asistencia a Drogodependentes, que non contan cunha financiación suficiente

Sae adiante unha proposta do Goberno para adhesión da Deputación á Rede de Gobernos Locais pola Biodiversidade, dirixida ao impulso de políticas de conservación e incremento dos recursos naturais e mellora da conectividade ecolóxica

A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que os concellos xestionen o 15% dos fondos de axudas para paliar os efectos da Covid-19, logo de que as entidades locais se viran na obriga de asumir competencias impropias durante a pandemia como a desinfección de centros educativos. Así se decidiu na sesión ordinaria do Pleno provincial do mes de abril, que se celebrou este martes, tras a proposta presentada polo grupo socialista.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, defendeu que “a loita contra a Covid ten suposto para os concellos atender novas necesidades da veciñanza nun contexto de incerteza e dificultade, no que ao devir sanitario foise sumando o impacto socioeconómico da pandemia”. “A Xunta de Galicia non deixou de esixir aos concellos que asumisen competencias impropias tan custosas como a desinfección dos centros de ensino ou que controlasen medidas excepcionais como o toque de queda ou as limitacións á mobilidade, sen ter en conta as dimensións reais dos cadros de persoal da Policía Local ou Protección Civil”, manifestou a Deputada.

García Porto amosou o apoio do Goberno da Deputación a petición da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para que as entidades locais xestionen unha porcentaxe dos fondos Covid e apuntou que “a Xunta ten uns orzamentos de 11.500M€. A Xunta recibiu aproximadamente 1.100M€ do Goberno e da UE e non tivo en conta ós concellos á hora de empregalos”. A voceira socialista sinalou que dende o primeiro momento os concellos deron resposta á veciñanza con “lealdade e sentido da responsabilidade, poñendo sempre a seguridade e a atención por riba de calquera outra cousa” e que “non deixaron de reclamar a achega de fondos necesarios para facer fronte á situación”, pero que a Xunta “só fixo ouvidos xordos”.

Traspaso ao SERGAS dos servizos sanitarios municipais

O Pleno provincial aprobou por unanimidade outra moción socialista para reclamar o traspaso ao SERGAS dos servizos sanitarios municipais, que asumen, entre as súas funcións, incorporar sanitarios nos seus cadros de persoal e manter centros e infraestruturas destinados a ese fin, como os Servizos de Prevención e Asistencia a Drogodependentes (SPAD). Esta reivindicación pretende reordenar as competencias e o gasto que se asume para desenvolvelas, facilitando que o conxunto dos servizos sanitarios corresponda ao organismo competente que é a Xunta de Galicia.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que a Xunta transfire á FEGAMP unha cantidade anual para programas de atención á drogodependencia de 3,9M€ e que o Servizo Galego de Saúde vén recoñecendo atender cada ano, por esta causa, a uns 13.000 galegos. “O goberno galego dedica 300 euros a cada un destes pacientes. Esta é a importancia que a Xunta lle dá a un problema sociosanitario como o da drogodependencia. Unha esmola aos concellos para que atendan eles á xente”, reprochou.

Rivera Capón engadiu que é de recibo “acordar coa Federación Galega de Municipios e Provincias, en representación dos concellos galegos, o mecanismo polo que se dá saída a esta situación”.

Adhesión á Rede de Gobernos Locais pola Biodiversidade

Aprobouse tamén no Pleno unha proposta do Goberno provincial para adherirse á Rede de Gobernos Locais pola Biodiversidade, unha sección da FEMP que aglutina pobos comprometidos co desenvolvemento sostible e a protección da diversidade de especies nos diferentes ecosistemas. A actividade da rede está dirixida ao impulso de políticas de conservación e incremento dos recursos naturais, á mellora do medio hídrico e da conectividade ecolóxica.

García Porto defendeu que ante posibles actividades e proxectos vinculados a esta iniciativa que se efectúan na institución provincial considérase interesante esta adhesión. Neste sentido destacou o proxecto LIFE In Common Land de conservación dos hábitats na Serra do Xistral impulsado pola Deputación, a xestión e xerencia das Reservas da Biosfera Terras de Miño e Ancares Lucenses ou a xestión dos hortos urbanos no parque do Río Rato e Paradai.

Manter a toponimia “Ría de Ribadeo”

A Corporación provincial tamén aprobou por unanimidade a proposta do Goberno para que a Deputación presente alegacións á solicitude do Principado de Asturias para que se oficialice o nome “Ría del Eo”, algo que vai contra a oficialidade do topónimo “Ría de Ribadeo”, que é o nome empregado historicamente para denominar a ese enclave.

Así mesmo, quedou aprobado instar á Xunta de Galicia a ter unha posición unánime e de defensa á toponimia oficial e dar conta destes acordos ao Goberno do Estado.

Modificación do Orzamento 2021

A Deputación de Lugo sacou tamén adiante unha modificación de crédito para ampliar con remanentes o Orzamento provincial 2021 en case 4,2M€. A Deputada de Economía e Facenda, Mayra García Bermúdez, explicou que esa cantidade poderá destinarse á Cooperación cos Concellos, a entidades sen ánimo de lucro ou ao tecido empresarial da provincia, que están a padecer os efectos da crise económica derivada da pandemia.