Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación investirá máis de 3,7M€ na zona sur da provincia a través do Plan Único 2021

plan único
Ribeira Sacra
Os concellos de Bóveda, Quiroga, Taboada, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober percibirán estes recursos económicos para manter e mellorar os servizos públicos e infraestruturas, fomentar o emprego, e tamén para impulsar o tecido produtivo e asociativo municipal

As bases deste programa de cooperación cos concellos xa foron aprobadas no Pleno de decembro e publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia para que cada entidade local presente os proxectos e accións a financiar cos fondos

A Deputación de Lugo investirá máis de 3,7 millóns de euros na zona sur da provincia a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022. As bases xa foron aprobadas no Pleno de decembro e publicadas no Boletín Oficial da Provincia do luns 10 de xaneiro. A partir deste martes, abrirase o prazo para que cada municipio poida solicitar os investimentos e accións a financiar con estes fondos provinciais. 

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explica que os concellos de Bóveda, Quiroga, Taboada, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober percibirán este recursos económicos para manter e mellorar servizos públicos e infraestruturas, fomentar o emprego e impulsar o tecido produtivo e asociativo, entre outras actuacións encamiñadas a atender as necesidades dos seus veciños e veciñas.

Tomé Roca subliña que dende o inicio do mandato “incrementamos a dotación económica do Plan Único”, a ferramenta “máis importante que ten a Deputación para a colaboración cos concellos” e, ademais, “cada ano melloramos as condicións para que lles sexa máis útil”, explica o Presidente, destacando neste sentido que no 2022, como novidade, a Deputación simplifica a tramitación e os concellos só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando prazos intermedios.

Este é o segundo ano consecutivo, dende que existe este programa provincial de investimentos, que o Goberno provincial aproba as bases no ano anterior ao seu período de vixencia, algo “moi importante para os concellos, porque lles permite traballar con moita maior previsión, poderán empezar as obras nos meses de primavera e verán, a época máis axeitada para facelo, e tamén terán máis tempo para executar as actuacións que financian con cargo ao Plan Único”, explicou o Presidente.

Ademais, os concellos poderán imputar os gastos de contratación de persoal dende primeiros deste ano ao abeiro do Plan Único 2022, o que favorecerá a creación de postos de traballo. 

A Deputación de Lugo aplica criterios que son públicos e obxectivos para a distribución dos fondos, como a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento. Ademais, fixa un máximo de 500.000€ para os concellos de máis habitantes e de 200.000€ para os concellos que teñen menos.

 

Distribución dos fondos por concellos na Zona Sur

Plan Único Ribeira Sacra
CONCELLOS    ACHEGA PLAN ÚNICO 2021
BÓVEDA 246.877,91 €
CARBALLEDO 316.550,68 €
CHANTADA 471.849,81 €
MONFORTE DE LEMOS 500.000,00 €
PANTÓN 330.103,55 €
POBRA DO BROLLÓN (A)   283.495,95 €
QUIROGA 351.988,04 €
RIBAS DE SIL 231.114,70 €
SAVIÑAO (O) 383.959,75 €
SOBER 323.730,24 €
TABOADA 329.800,53 €
TOTAL 3.769.471,16 €