Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación apoia ao Xeodestino Ancares Terras de Burón na posta en marcha do Pasaporte Gastronómico como novo atractivo turístico

terras de burón
O Deputado de Promoción Económica e Social, xunto co alcalde da Fonsagrada, e rexidores deste territorio, participou na presentación desta nova acción turística promovida polo GDR Montes e Vales Orientais

Rivera puxo en valor esta iniciativa, pois supoñerá “un atractivo de excepción que complementa unha oferta baseada na riqueza desta terra e no carácter acolledor das súas xentes”, e que concorda “coas políticas turísticas que promovemos na Deputación”

O Pasaporte Gastronómico promocionará as 14 festas máis significativas dos concellos deste territorio. Está xa dispoñible na web terrasdeburon.es, e a Feira do Butelo será esta fin de semana o primeiro evento para selar o documento

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde da Fonsagrada e tamén presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López Pérez, e os rexedores deste territorio, participou na presentación este xoves no Concello fonsagradino do novo Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón. Unha nova acción turística que promocionará as 14 festas e feiras máis significativas dos concellos deste territorio. 

Rivera Capón puxo en valor este proxecto “tan interesante e positivo para o desenvolvemento desta zona”, pois supón “un atractivo de excepción que complementa unha oferta turística baseada na riqueza desta terra e no carácter acolledor das súas xentes”. “Sen dúbida, unha das mellores maneiras de coñecer un territorio é facelo desfrutando das súas festas populares e festas tradicionais. Aquí temos 14 propostas, unha por cada un dos concellos deste territorio, un feito que invita a descubrir cos cinco sentidos este destino”, asegurou o Deputado. 

Destacou o traballo que se está a facer desde o GDR Montes e Vales Orientais, presidido polo Alcalde fonsagradino, na promoción do turismo e  desenvolvemento rural neste espazo protexido. “Esta terra ten boa comida, produtos de calidade excepcional, establecementos hostaleiros para desconectar da rutina diaria, as rutas xacobeas, paisaxes impresionantes, e algo moi importante, a profesionalidade e o trato acolledor que ofrecen os profesionais do sector turístico e hostaleiro desta comarca”, subliñou.
O Deputado incidiu en que a institución provincial apoia esta iniciativa porque “concorda con dúas liñas de traballo nas que centramos gran parte dos nosos esforzos, como é colaborar para a dinamizar a actividade turística, da hostalería e do comercio, e consolidar un modelo de turismo sostible como vía de futuro para o desenvolvemento da provincia”.

As persoas interesadas xa poden descargar o Pasaporte Gastronómico na páxina web terrasdeburon.es, un espazo creado polos concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz, a través do Plan Único da Deputación. Os participantes entrarán en sorteos de lotes gastronómicos que terán lugar en cada unha das feiras na que selen o pasaporte. Ademais, as persoas que reúnan ó final do ano cinco, dez, ou complete todos os selos no seu documento, optarán a tres premios especiais entre os que se sortearán lotes de produtos, cestas gastronómicas e un premio final dunha experiencia de fin de semana para dúas persoas nun aloxamento deste territorio.

Festas e calendario

O Pasaporte Gastronómico Terras de Burón promocionará as festas e feiras máis destacadas dos 14 concellos que forman parte deste territorio. A Feira do Butelo da Fonsagrada será esta fin de semana o primeiro evento onde se poderá selar o documento.

O calendario e as seguintes citas que inclúe esta acción turística son:  o 19 de febreiro, a Festa da Androlla en Navia de Suarna; o 19 de marzo, a Feira do Gando en Becerreá; o 7 de abril, a Festa do Queixo do Cebreiro en Pedrafita; o 15 de abril, a Festa do Viño en Negueira de Muñiz; o 1 de maio, a Festa da Troita, na Pontenova; o 13 de maio, a Festa da Troita, en Ribeira de Piquín; o 21 de maio, a Feira da Empanada nas Nogais; no mes de maio, a Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña, en Cervantes; o 24 de agosto, a Festa do Emigrante en Pol; o 27 de agosto, a Festa da Malla en Meira; o 27 e 28 de agosto, San Vitorio en Baralla; e no mes de setembro, a Feira do Mel en Baleira.