A Deputación apoia ao Xeodestino Ancares Terras de Burón na posta en marcha do Pasaporte Gastronómico como novo atractivo turístico
Rivera puxo en valor esta iniciativa, pois supoñerá “un atractivo de excepción que complementa unha oferta baseada na riqueza desta terra e no carácter acolledor das súas xentes”, e que concorda “coas políticas turísticas que promovemos na Deputación”
O Pasaporte Gastronómico promocionará as 14 festas máis significativas dos concellos deste territorio. Está xa dispoñible na web terrasdeburon.es, e a Feira do Butelo será esta fin de semana o primeiro evento para selar o documento
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde da Fonsagrada e tamén presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López Pérez, e os rexedores deste territorio, participou na presentación este xoves no Concello fonsagradino do novo Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón. Unha nova acción turística que promocionará as 14 festas e feiras máis significativas dos concellos deste territorio.
Rivera Capón puxo en valor este proxecto “tan interesante e positivo para o desenvolvemento desta zona”, pois supón “un atractivo de excepción que complementa unha oferta turística baseada na riqueza desta terra e no carácter acolledor das súas xentes”. “Sen dúbida, unha das mellores maneiras de coñecer un territorio é facelo desfrutando das súas festas populares e festas tradicionais. Aquí temos 14 propostas, unha por cada un dos concellos deste territorio, un feito que invita a descubrir cos cinco sentidos este destino”, asegurou o Deputado.
Destacou o traballo que se está a facer desde o GDR Montes e Vales Orientais, presidido polo Alcalde fonsagradino, na promoción do turismo e desenvolvemento rural neste espazo protexido. “Esta terra ten boa comida, produtos de calidade excepcional, establecementos hostaleiros para desconectar da rutina diaria, as rutas xacobeas, paisaxes impresionantes, e algo moi importante, a profesionalidade e o trato acolledor que ofrecen os profesionais do sector turístico e hostaleiro desta comarca”, subliñou.
O Deputado incidiu en que a institución provincial apoia esta iniciativa porque “concorda con dúas liñas de traballo nas que centramos gran parte dos nosos esforzos, como é colaborar para a dinamizar a actividade turística, da hostalería e do comercio, e consolidar un modelo de turismo sostible como vía de futuro para o desenvolvemento da provincia”.
As persoas interesadas xa poden descargar o Pasaporte Gastronómico na páxina web terrasdeburon.es, un espazo creado polos concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz, a través do Plan Único da Deputación. Os participantes entrarán en sorteos de lotes gastronómicos que terán lugar en cada unha das feiras na que selen o pasaporte. Ademais, as persoas que reúnan ó final do ano cinco, dez, ou complete todos os selos no seu documento, optarán a tres premios especiais entre os que se sortearán lotes de produtos, cestas gastronómicas e un premio final dunha experiencia de fin de semana para dúas persoas nun aloxamento deste territorio.
Festas e calendario
O Pasaporte Gastronómico Terras de Burón promocionará as festas e feiras máis destacadas dos 14 concellos que forman parte deste territorio. A Feira do Butelo da Fonsagrada será esta fin de semana o primeiro evento onde se poderá selar o documento.
O calendario e as seguintes citas que inclúe esta acción turística son: o 19 de febreiro, a Festa da Androlla en Navia de Suarna; o 19 de marzo, a Feira do Gando en Becerreá; o 7 de abril, a Festa do Queixo do Cebreiro en Pedrafita; o 15 de abril, a Festa do Viño en Negueira de Muñiz; o 1 de maio, a Festa da Troita, na Pontenova; o 13 de maio, a Festa da Troita, en Ribeira de Piquín; o 21 de maio, a Feira da Empanada nas Nogais; no mes de maio, a Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña, en Cervantes; o 24 de agosto, a Festa do Emigrante en Pol; o 27 de agosto, a Festa da Malla en Meira; o 27 e 28 de agosto, San Vitorio en Baralla; e no mes de setembro, a Feira do Mel en Baleira.