Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación xa reparou a ponte de Maceda

Ponte de Maceda
A institución provincial acometeu nun prazo de 20 días as obras de acondicionamento deste treito do cinto comarcal ao seu paso polo Corgo, logo dos danos que sufriu debido ás intensas chuvias do Nadal

A Deputación de Lugo reabre este venres pola tarde ao tráfico a ponte de Maceda, no concello do Corgo, logo de reparar, nun prazo de 20 días, os danos que ocasionaron neste punto da LU-P-1611, coñecida como o cinto comarcal, as fortes chuvias que se produciron no Nadal. 

Por indicacións do Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a institución provincial, que destinou arredor de 40.000€ a estas obras, procedeu á reparación utilizando un procedemento de emerxencia para dar unha solución áxil e causar o mínimo prexuízo posible á veciñanza que utiliza a diario esta estrada provincial.

Os traballos afectaron ao treito comprendido entre os puntos quilométricos 7,7 e 8,7, que se viu danado polo corremento de terras que ocasionaron as intensas precipitacións. En concreto, consistiron na reposición da calzada tras o afundimento do arco metálico da ponte. 

Este cinto comarcal rodea á capital lucense e atravesa os concellos de Begonte, Friol, O Corgo, Guntín, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito e Outeiro de Rei. Trátase dunha estrada moi empregada polos veciños e veciñas da provincia.