A Deputación xa reparou a ponte de Maceda
A Deputación de Lugo reabre este venres pola tarde ao tráfico a ponte de Maceda, no concello do Corgo, logo de reparar, nun prazo de 20 días, os danos que ocasionaron neste punto da LU-P-1611, coñecida como o cinto comarcal, as fortes chuvias que se produciron no Nadal.
Por indicacións do Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a institución provincial, que destinou arredor de 40.000€ a estas obras, procedeu á reparación utilizando un procedemento de emerxencia para dar unha solución áxil e causar o mínimo prexuízo posible á veciñanza que utiliza a diario esta estrada provincial.
Os traballos afectaron ao treito comprendido entre os puntos quilométricos 7,7 e 8,7, que se viu danado polo corremento de terras que ocasionaron as intensas precipitacións. En concreto, consistiron na reposición da calzada tras o afundimento do arco metálico da ponte.
Este cinto comarcal rodea á capital lucense e atravesa os concellos de Begonte, Friol, O Corgo, Guntín, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito e Outeiro de Rei. Trátase dunha estrada moi empregada polos veciños e veciñas da provincia.