Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Infraestruturas
Turismo

A Deputación investirá 360.000€ en dotacións, infraestruturas e dinamizar a economía na provincia

Xunta de Goberno
Pablo Rivera Capón
A Xunta de Goberno licitou en Baralla os traballos para acondicionar un tramo de 2,8 quilómetros da LU-P-0505, que é a vía que conecta os núcleos de Camporredondo e Biduedo. Unha nova actuación do Plan de melloras nas estradas provinciais

Aprobado un convenio para renovar en Viveiro o equipamento do campo de fútbol Marcos Gómez, no polideportivo e na piscina municipal; actualizar o alumeado público e a iluminación de Nadal e comprar novo material informático para os servizos municipais

A institución provincial aprobou ademais recibir unha achega de 127.000€ de fondos europeos para colaborar nun proxecto colectivo que consistirá na creación dunha nova experiencia de turismo baseada nos embalses de España

A Xunta de Goberno aprobou este venres investir 360.000€ na mellora de dotacións, infraestruturas e dinamizar a economía da provincia. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión semanal celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos.

“Continuamos licitando obras do primeiro paquete de actuacións do Plan de Melloras nas estradas provinciais”, anunciou en materia de mobilidade. Lembrou que se trata dunha medida que “servirá para acometer máis de 80 proxectos na rede de vías de titularidade provincial cos que se mellorarán 280 quilómetros por un importe de 12M€”. 

Nese sentido, avanzou que hoxe quedaron licitados os traballos para acondicionar un tramo de 2,8 quilómetros da LU-P-0505, que é a estrada que conecta na parroquia de Piedrafita de Camporredondo os núcleos de Camporredondo e Biduedo. A Deputación investirá máis de 75.000€ para un proxecto que consistirá na reapertura das cunetas, limpeza das obras de drenaxe, reparación de desperfectos no firme, repavimentación e sinalización vertical, substituíndo ademais as sinais con danos.

“Esta é unha actuación importante para A Montaña, polo que sempre dicimos do que aporta a mobilidade ao equilibrio territorial. Porque se trata de mellorar a estrada máis rápida e directa coa que contan os veciños e veciñas destas dúas entidades de poboación para comunicarse entre si”, valorou Rivera Capón.

Colaboración con Viveiro

A Deputación destinará ademais preto de 107.000€ ao Concello de Viveiro para mellorar diferentes instalacións deportivas, investir no alumeado público e renovar o equipamento informático da institución local.

Detallou o Deputado que con cargo a ese orzamento poderase renovar o equipamento do campo de fútbol Marcos Gómez, do polideportivo e da piscina municipal; ademais, actualizar o alumeado público na rúa Rosalía de Castro e o alumeado de Nadal do concello para dinamizar o turismo; tamén servirá para comprar novo material informático coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos municipais.

Financiación para a campaña de Nadal da Federación de comercio
A Xunta de Goberno aprobou ademais achegar á Federación de comercio de Lugo 50.000€ para a realización da campaña Regala en Nadal, Merca en Local.

Unha iniciativa que consiste na organización dunha festa de Nadal en tres localidades distintas -este sábado terá lugar a primeira na Praza de España de Monforte de Lemos- e nas que se sortearán 3 tarxetas prepago de 500, 1.000 e 3.000€ entre aqueles e aquelas que tiveran consumido no comercio local.

Turismo de embalses

Ademais, a Xunta de Goberno deu luz verde a recibir unha achega por importe de 127.500€ de fondos europeos para colaborar nun proxecto colectivo que ten o obxectivo de crear unha nova experiencia de turismo de embalses en España. Segundo lembrou Pablo Rivera, a Deputación adheriuse a unha agrupación de entidades de diversos puntos do país para solicitar conxuntamente fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia impulsado polo Goberno de España para potenciar novas experiencias turísticas arredor das augas de interior.

Este proxecto está liderado pola Deputación de Cáceres e conseguiu captar un total 700.000€ que se repartirán nas 15 comunidades autónomas que participan e entre os seus 549 concellos asociados. A Deputación de Lugo sumará a súa parte case 27.000€ para crear unha nova experiencia turística centrada nos encoros e os seus arredores baseada na sustentabilidade e no desenvolvemento económico local. E entre outras cuestións, a través destes fondos se poderá implantar a experiencia turística nos territorios adheridos a través de diferentes accións de formación, divulgación e sensibilización.

Contratacións

Licitado ademais o contrato e mantemento da aplicación informática que usan no servizo de Xestión, Recadación e Inspección Tributaria Provincial. O prezo de licitación é de case 76.500€ e a duración do contrato será dun ano, sen posibilidade de prórroga.