Recoñecidos profesionais do mundo do tenis participarán no foro gratuíto e aberto ao público, promovido polo Goberno da Deputación e Concello de Lugo
O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez e o Presidente da Federación Galega de Tenis, José Antonio Pereiro Rodríguez, presentaron este mércores, nas pistas de tenis de Frigsa, o Foro do tenis. Trátase do coloquio, totalmente gratuíto, que organiza a Federación Galega de tenis co único apoio económico dos Gobernos de Deputación e Concello de Lugo, que achegan 3.500 euros. Reunirá a destacados xogadores, adestradores, médicos ou presidentes de federacións e clubs de tenis de talla nacional e internacional. O foro terá lugar o vindeiro 14 de outubro no Salón de Actos de San Marcos, e xornada práctica de tarde, nas instalacións do Club Deportivo D10. No acto, tamén participaron o Director do Club Deportivo D10, Leovigildo Real, que ceden as instalacións deportivas; e o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero Méndez, única administración que non colabora coa cita.
Os interesados en participar poden enviar os seus datos persoais e enderezo electrónico a info@fgtenis.net ou no 986 21 29 82. O prazo para inscribirse está aberto ata o 10 de outubro. O número de prazas é de 165.
Rivera Capón agradeceu a colaboración da Federación Galega de Tenis para poder organizar esta xornada e destacou que é un privilexio poder contar a vindeira fin de semana na nosa provincia, concretamente na capital luguesa, con profesionais do panorama nacional e internacional no eido do tenis, ademais de ser unha oportunidade única, para todos os afeccionados a este deporte, de poder escoitar as experiencias, coñecementos e opinións de voces autorizadas, que conseguiron grandes logros no mundo tenístico.
O Deputado de Deportes subliñou que esta actividade enmárcase na aposta do Executivo Provincial por fomentar hábitos de vida saudables a través do deporte, ao tempo que impulsamos valores tan importantes na cidadanía como o compañeirismo, a solidariedade ou a competitividade, que abanderan e defenden todas estas personalidades que participarán no foro.
Pola súa parte, Fernández Méndez felicitou á Deputación e á Federación Galega por organizar esta xornada e lembrou que o Concello de Lugo apoia e impulsa este deporte na cidade, por iso, as pistas de tenis municipais están abertas a todo tipo de xogadores, xa sexan profesionais ou afeccionados. Esperamos que este encontro de profesionais do mundo do tenis sexa un éxito, e deste xeito, poidamos celebrar moitos máis en Lugo.
Foro do tenis galego
Esta xornada, organizada pola Federación Galega de Tenis co apoio da Deputación e do Concello de Lugo, contará coa presenza dos ex xogadores profesionais Alberto Berasategui, Javier Sánchez Vicario, o lucense Óscar Burrieza ou o Xefe dos servizos médicos da RFET e médico persoal de Rafael Nadal, Ángel Ruiz Cotorro, entre outros moitos profesionais deste deporte.
Programación de actividades
O Foro do tenis galego comezará no Salón de Actos da Deputación de Lugo cun horario de:
10:15 horas: Inauguración oficial e apertura do Foro tenístico.
10:30 horas: Modelos de xestión de clubs e federacións. Moderadas por Pailo Alonso Lois, xefe de deportes de La Voz de Galicia. Participarán:
- Presidente do Club Atlético Montemar de Alicante, José Pedro García Fernández
- Ex Presidente da Federación Navarra de Tenis, Mikel Aguirre
- Presidente do Sporting Club Casino Coruña, Juan José Medín Guyatt
- Presidente da Federación Riojana de Tenis, José Luis Térroba Gutiérrez
- Secretario da Federación Navarra de Tenis, Álvaro Sexmilo Ayesa
- Ex xogador e Presidente do Club Tenis Pontevedra, Ricardo Domínguez Munaiz
- Ex Secretario xeral Real Federación Española de Tenis, Antonio Jordá
12:00 horas: Descanso.
12:30 horas: Desenvolvemento da carreira dun xogador profesional. Participarán:
- Ex xogador profesional, Alberto Berasategui
- Ex xogador profesional, Javier Sánchez Vicario
- Xefe dos servicios médicos da RFET e médico persoal de Rafael Nadal, Ángel Ruiz Cotorro
- Fisioterapeuta do equipo español de Copa Davis, Luis Badal Ibañez
- Ex xogador profesional, Óscar Burrieza López
Xa pola tarde, terá lugar a parte práctica do foro no Club Deportivo D10, no Concello de Outeiro de Rei, cun horario de:
17:00 horas: Actividade práctica desenvolvida pola dirección deportiva da Federación Galega de Tenis.
18:30 horas: Actividades e charla a realizar pola ONG TennisAid.