O Goberno da Deputación impulsa a Ribeira Sacra coa promoción da Feira do Viño de Pantón
- O Deputado anunciou que o Executivo Provincial apoia a Declaración do Concello de Pantón como municipio de Interese Turístico
- Na feira, participarán 8 bodegueiros que ofrecerán o seu viño, instalaranse postos con produtos como embutidos, queixos, doces ou licores. Tamén se celebrará a 3ª Romaría da Festa da Empanada e haberá degustación gratuíta do porco ao espeto
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o Alcalde de Pantón, José Luís Álvarez Blanco, e o Concelleiro de Pantón, Roberto Eireos Sáez, presentaron este xoves, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a XXV Edición da Mostra de Viños de Ferreira do Pantón, que terá lugar os días 12 e 13 de maio no Campo da feira, e na que participarán 8 adegas. Os Gobernos Provincial e Municipal destinan este ano 5.000 euros á celebración da cita dentro da súa aposta conxunta por impulsar e promocionar os produtos autóctonos e de calidade desta Comarca.
Vidal Baamonde avanzou na súa intervención que o Goberno da Deputación apoia a Declaración do Concello de Pantón como municipio de Interese Turístico, unha proposta que foi aprobada na Xunta de Goberno o pasado 23 de febreiro.
O Deputado rdestacou que a achega económica enmárcase nas colaboracións que vimos mantendo dende o Executivo da Deputación cos diferentes Concellos e entidades que desenvolven Feiras do viño no sur da provincia, dentro da nosa aposta por poñer en valor e dar a coñecer a calidade dos seus produtos autóctonos.
O Deputado de Turismo destacou que coa promoción desta XXV Edición potenciamos e impulsamos o sector vitivinícola, o importante patrimonio románico da Ribeira Sacra, o turismo xeolóxico, e por suposto o turismo fluvial e o termalismo, así como a economía e a vida na vila desta zona da provincia.
O Alcalde de Pantón, José Luís Álvarez Blanco, agradeceu a colaboración de todas as institucións que colaboran nesta cita, que xa está consolidada no calendario festivo da Comarca, xa que este ano celebra a súa XXV edición. Ademais é unha oportunidade única para dar a coñecer as riquezas do noso Concello, e degustar a excelente calidade dos nosos produtos, como a empanada ou o porco ao espeto do que haberá unha degustación gratuíta para todos os asistentes. Lembrou ademais que haberá charlas sobre o Románico que comezarán este venres. Por último, convidou a todos os visitantes a achegarse a Ribeira Sacra e desfrutar desta celebración.
8 adegas participantes e Festa da empanada
A XXV Edición da Mostra de Viños de Ferreira do Pantón, que terá lugar os días 12 e 13 de maio no Campo da feira, participarán un total de 8 adegas da Comarca, onde outros dos produtos estrela será a empanada, que este ano celebra a súa 3ª edición. Ademais, poderanse degustar comestibles da zona, tales como embutidos, queixos, doces ou licores.
Programación
O sábado dia 12, Pantón, a partir das 13:00 horas celebra no Campo da Feira unha nova edición da Mostra de Viños da Ribeira Sacra, seguiran as actuacións musicais de charangas e grupos polas rúas da vila. Ademais ás 13:30 horas haberá un brindis do viño simultáneo en toda España, por mor do movemento do viño de D.O. E a partir das 14:30 horas comeza a III Festa da Empanada no recinto do Castro.
O domingo dia 13, os actos comezan con pasarrúas pola vila, e as 12:00 horas recepción de autoridades no recinto feiral. A partir das 13:00 horas será o pregón da Mostra a cargo do actor Carlos Blanco. A musica estará presente durante toda a xornada.