Centos de persoas viron as exhibicións artesáns que organizou a Deputación no Centro do Viño de Monforte
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_8592_1.jpg)
O Centro do Viño da Ribeira Sacra calcula que centos de persoas pasaron polo seu patio para asistir ás demostracións de artesáns nas mañás dos sábados deste mes de agosto. A iniciativa é unha colaboración entre o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), organismo dependente da Deputación, a Asociación Profesional de Artesáns Terras de Lemos, e a empresa concesionaria do servizo no Centro do Viño.
Dende a Deputación congratúlanse polas cifras de visitantes xa que logo a iniciativa serviu para dar a coñecer o traballo dos artesáns da provincia. Os profesionais escollidos amosaron a súa destreza con diferentes materiais como tea, madeira, oleiría e cestería. O programa de exhibicións amosou as técnicas e os produtos dos diferentes tipos de artesanía que se poden atopar ó longo de toda a provincia, incluíndo a Ribeira Sacra, polo que algúns dos artesáns eran desta zona.
Esta mañá celebrouse a derradeira xornada que estivo dedicada ós artesáns do téxtil. As invitadas foron Pilar Rodríguez, Mª Dolores López, e Susana Pilar Arias, que son precisamente da zona e que fixeron en directo diferentes traballos como panos, broches e bonecas, entre outros.
A Asociación Profesional de Artesáns Terras de Lemos valora moi positivamente a colaboración e agarda poder repetir nun futuro con novas iniciativas que poñan en valor o traballo dos artesáns.
No Centro do Viño da Ribeira Sacra se ubica tamén a oficina de información turística polo que moitos dos que se achegaron por este aspecto puideron tamén desfrutar das exhibicións. Por este motivo gozaron dos sábados artesáns turistas vidos dende o País Vasco e Cataluña, principalmente aínda que tamén foron moitos os franceses e belgas que pasaron por alí.