O Pazo de San Marcos acollerá mañá a festa do breoganismo coa recepción aos xogadores e corpo técnico do CB Breogán

- A Deputación de Lugo é a administración que máis está a colaborar nos últimos anos co Breogán a través dos contratos de patrocinio asinados entre ambas entidades
- O Goberno da Deputación aprobou no Pleno deste mes o inicio do procedemento de cesión do Pazo dos Deportes ao CB Breogán para garantir o seu ascenso á ACB
O Goberno da Deputación organiza mañá no Pazo de San Marcos unha recepción pública ao CB Breogán e á que poderán asistir todos os afeccionados e veciños da provincia que así o desexen. Terá lugar a partir das 17:00 horas e contará coa participación dos xogadores e corpo técnico do club celeste, que ofrecerán aos asistentes a Copa da LEB Ouro e a Copa Princesa, conquistadas na presente tempada. Ademais, haberá animación musical e un speaker na que será unha gran festa do breoganismo.
O club de baloncesto lugués conseguiu o ascenso á ACB logo de proclamarse campión da liga hai dúas xornadas, logrando volver á máxima categoría do baloncesto nacional doce anos despois. A Deputación de Lugo é a administración que máis está a colaborar nos últimos anos co Breogán a través dos contratos de patrocinio asinados entre ambas entidades cun dobre obxectivo: axudar ao club de referencia do baloncesto na provincia e que a achega económica repercuta en toda a cidadanía, coa posta en marcha de numerosas accións e iniciativas sociais a través de asociacións sen ánimo de lucro, que loitan por unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Cesión do Pazo Provincial
O Goberno da Deputación aprobou no Pleno deste mes o inicio do procedemento de cesión do Pazo dos Deportes ao CB Breogán para garantir o seu ascenso á ACB. A aprobación desta medida é fundamental para que a entidade lucense poida equilibrar a súa situación patrimonial e, polo tanto, para superar a auditoría á que será sometido nas próximas datas, logo de proclamarse campión da LEB Ouro. A cesión de uso gratuíto do Pazo, por un prazo ininterrompido de 35 anos, permitirá ao CB Breogán engadir as instalacións ao seu activo patrimonial de cara a afrontar con garantías as esixencias económicas que establece a actual primeira liga profesional de baloncesto.