Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación mellorou con 170.000 euros en Ribadeo a estrada de Cedofeita por Couxela á antiga estación

Ribadeo
Arranxo estrada Cedofeita
Campos Conde supervisou xunto a outras autoridades o resultado destas melloras, que se executaron nun treito de 5 quilómetros desta vía provincial

O Presidente destacou que “se trata dunha actuación moi importante para o conxunto dos veciños do Concello, por ser unha arteria de comunicación fundamental para o interior deste municipio da mariña lucense”

Ademais dos traballos nesta vía, a LU-P-5203, o Goberno da Deputación financiou melloras na LU-P-5204, de Cedofeita a Regocorto por Arante e na LU-P-5205, que vai de Porto a Vilaosende, sumando, no seu conxunto, un investimento de 354.000 euros

O Presidente, Darío Campos Conde, supervisou as melloras realizadas en Ribadeo nun treito de 5 quilómetros da LU-P-5203, que vai de Cedofeita por Couxela á antiga estación, e que contou cun investimento de 170.000 euros da Deputación. Fíxoo nun acto no que participaron a Deputada pola Comarca da Mariña, Mayra García Bermúdez, o Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e outras autoridades. O Presidente explicou que se trata dunha actuación moi importante para o conxunto dos veciños do Concello, por ser unha arteria de comunicación fundamental para o interior deste municipio da mariña lucense.
    
Campos Conde remarcou o “compromiso do Executivo Provincial coa xente do rural e a necesidade de facer máis seguros e confortables os desprazamentos polo municipio, ofrecéndolle aos veciños unhas infraestruturas de primeiro nivel e que respondan ás súas necesidades. Facémolo porque somos unha Deputación preto das persoas e dentro da nosa aposta por mellorar as comunicacións na nosa provincia”.

Neste senso, Campos Conde destacou que estes traballos engádense aos xa executados en 6 quilómetros doutras 2 vías provincias: a LU-P-5204, de Cedofeita a Regocorto por Arante, na que se acondicionaron 2,8 quilómetros; e a LU-P-5205, que vai de Porto a Vilaosende, na que se melloraron 3,1 quilómetros.  Tendo en conta estes traballos, o Goberno da Deputación realizou un esforzo inversor de 354.000 euros cos que se acondicionaron, en total, 11 quilómetros de vías fundamentais no municipio.

Os traballos, que se executaron entre o punto quilométrico 2,4 e 7,8, consistiron na remodelación integral destes 5 quilómetros. Para elo, procedeuse á limpeza de cunetas e á mellora do firme con aglomerado en quente. Ademais, co fin de continuar incrementando a seguridade da vía, renovouse a sinalización vertical e repintouse a horizontal.