Últimas prazas para que os maiores lucenses participen no Lugo Termal da Deputación

- Na modalidade que inclúe 10 días de tratamentos sen estancia quedan dispoñibles 92 prazas nos balnearios Termas de Lugo, Río Pambre de Palas e Augas Santas de Pantón
-O programa Lugo Termal busca potenciar o benestar social e o envellecemento activo dos maiores lucenses e impulsar, á vez, o turismo termal na provincia
A Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, avanzou que “ofertamos a través do Lugo Termal as últimas 296 prazas dispoñibles para os maiores lucenses interesados en acudir aos balnearios da provincia”. Esgotáronse xa, 824 das 1.120 prazas que ofrece o Executivo Provincial con descontos de máis de 60 euros en tratamentos mineromedicinais a maiores de 55 anos, co fin de potenciar o seu benestar social e envellecemento activo, impulsando á vez o turismo termal na provincia.
Nesta convocatoria o Goberno da Deputación decidiu duplicar o número de prazas do Lugo Termal, permitindo ofrecer a máis veciños descontos en tratamentos termais nos Balnearios Termas de Lugo, Augas Santas en Pantón e Río Pambre en Palas de Rei.
No Balneario Termas de Lugo xa non quedan prazas dos paquetes que inclúen estancia e máis tratamentos. As 50 ofertadas esgotáronse. Nesta mesma modalidade quedan dispoñibles soamente 107 prazas no Balneario Augas Santas, das 730 que ofertaba a Deputación, e 97 no Balneario Río Pambre, das 180 que se puxeron a disposición dos maiores lucenses. En total quedan dispoñibles 204 das 960 que oferta a Deputación.
Na segunda das modalidades, a que inclúe tratamentos sen pernocta, quedan dispoñibles 17 prazas no Balneario Augas Santas, 18 no Balneario Río Pambre, Palas de Rei e 57 prazas no Balneario Termas de Lugo. En total quedan dispoñibles 92 das 160 que oferta a Deputación.
As prazas nas dúas modalidades do programa Lugo Termal poden ser solicitadas ata mediados de xuño sempre e cando, non se esgoten antes.
Prazas dispoñibles na modalidade de estancia
- Balneario Termas de Lugo: esgotadas
- Balneario Río Pambre, Palas de Rei: 97 prazas
- Balneario Augas Santas, en Pantón: 107 prazas
Estes paquetes subvencionados nos que se ofrecen descontos consisten en: 6 días e 5 noites, con entrada o domingo e saída o venres, pensión completa, 1 recoñecemento médico, de 15 a 20 técnicas termais e actividades socioculturais. O custo é de 189,50 euros en total, grazas aos descontos que ofrece o Goberno da Deputación.
Prazas dispoñibles na modalidade de tratamentos sen estancia
- Balneario Termas de Lugo: 57 prazas
- Balneario Río Pambre, Palas de Rei: 18 prazas
- Balneario Augas Santas, en Pantón: 17 prazas
Este paquete de prazas subvencionadas sen pernocta inclúe de 30 a 40 técnicas termais durante 10 días, sendo 3 técnicas ao día; e un recoñecemento médico. O prezo neste caso é de 200 euros en total, grazas aos descontos que ofrece o Goberno da Deputación.
Atención especial e acompañantes
Dentro da aposta por unha Deputación social e coas persoas, o Lugo Termal 2018-19 ofrece atención especializada ás persoas con problemas de mobilidade, para garantirlles o acceso e goce dos tratamentos termais; así como programas específicos a persoas con discapacidades física, psíquica ou sensorial.