Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

As Deputadas do Goberno da Deputación súmanse á folga no Día Internacional da Muller

Día Internacional da Muller
Imaxe deputación de lugo
Xunto a elas, o resto dos membros do Executivo Provincial participarán nos distintos actos programados para o 8 de marzo, co fin de amosar o seu apoio a este día no que conmemorar a loita das mulleres pola igualdade

As mulleres do Goberno da Deputación súmanse á folga do Día Internacional da Muller. As Deputadas Provinciais, Sonsoles López Izquierdo, Mayra García Bermúdez e Pilar García Porto, presentaron o día 1 de marzo un escrito no rexistro xeral da Deputación para informar que se sumarán á Folga do 8 de Marzo co fin de amosar o seu compromiso coa loita das mulleres.

Xunto a elas, o resto dos membros do Executivo Provincial participarán nos distintos actos programados para o 8 de marzo, co fin de amosar o seu apoio a este día no que se conmemora e recoñece a loita das mulleres por acadar a igualdade.

O escrito presentado reza textualmente:
“Con motivo da Folga Xeral do Día Internacional da Muller, que terá lugar o vindeiro 8 de marzo de 2019, as Deputadas do Goberno Provincial da Deputación de Lugo queremos manifestar o noso compromiso coas mulleres, coa defensa dos seus dereitos e coas políticas de igualdade como instrumento para avanzar cara unha sociedade democraticamente máis xusta e equilibrada na toma de decisión entre homes e mulleres. Neste senso, manifestamos que apoiaremos dita folga e solicitamos que se nos desconte das nosas retribucións a parte proporcional correspondente ao 8 de marzo do presente ano”
 
Programación do día da muller
Logo da histórica manifestación que tivo lugar o pasado 3 de marzo na cidade de Lugo, este 8 M hai convocados distintos actos para celebrar o Día Internacional da Muller. Ás 12:00 horas, terá lugar a entrega de premios Entremulleres. Ás 18:00 horas, terá lugar a presentación de Pelea de Gallos, de María Fernanda Ampuero, no Auditorio do Vello Cárcere. Ás 20:00 horas, celebrarase a Ruada Feminista dende a Porta Falsa de Lugo ata a praza de Santa María na que haberá a actuación musical da Banda da Loba.

Os vindeiros días, a programación de actividade continúa habendo o día 9 ás 20:00 horas no Auditorio do Vello Cárcere a actuación de Cantar Delas; o 10, ás 12:00 horas a Andaina pola igualdade, con saída dende o Concello de Lugo, o 14 a partires das 20:00 horas, será o turno do micro teatro con As Bolas Máxicas e co concerto de Silvia Chigliak. O 15, ás 20:00 horas haberá o Faladoiro Feminista: Son as mulleres vulnerabeis: pensando a xustiza e a igualdade, da man de Mª Xosé Agra. O día 20, ás 20:30 horas hai programada a actuación de Tabú, de Tarabela Creativa, show de narración oral onde se recollen historias de mulleres galegas; así como o 29, que ás 21:00 horas, no Vello Cárcere, haberá a mostra coloquio Danzas Femeninas.