O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica recibe o XIX Premio ARESA de desenvolvemento rural

O Goberno Provincial colabora con esta asociación impulsando feiras de produtos ecolóxicos, que en 2018 se celebraron en Monforte, Viveiro e Lugo. A Deputación foi a principal impulsora desta iniciativa, denominada Ágora Verde, achegando 25.000 euros
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou este venres, na entrega do XIX Premio ARESA de Desenvolvemento Rural no auditorio da Facultade de Veterinaria no Campus de Lugo e na que se entregou este galardón ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Este premio, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o grupo ARESA, ten como obxectivo recoñecer ás persoas, empresas ou institucións que contribúen á mellora do rural de Galicia.
CRAEGA é o órgano encargado do control e certificación en Galicia de sistemas de producións ecolóxicas que buscan conseguir alimentos de máxima calidade. A súa candidatura foi elixida por unanimidade por cumprir con todos os requisitos do Premio como son os de xerar postos de traballo de calidade no rural, poñer en valor os produtos da terra, recuperar subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e procurar a innovación en produtos e métodos produtivos.
Campos Conde felicitou ao Presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) “polo traballo realizado no impulso da produción ecolóxica en Galicia, un sector que favorece o asentamento da poboación no rural e que está alza pola gran demanda de produtos ecolóxicos que existe hoxe no mercado”
No acto, o Presidente do Consello Regulador Agricultura Ecolóxica de Galicia, Francisco López Valladares foi o encargado de recoller este premio, dotado con 10.000 euros, así como o seu diploma e honores correspondentes. Na entrega deste galardón proxectouse un vídeo promocional de CRAEGA sobre a evolución dos produtos ecolóxicos e contou coa intervención de José Manuel Silva Rodríguez, ex Director Xeral de Agricultura da Comisión Europa que impartiu a conferencia “A produción ecolóxica. Dun mercado testemuñal a unha tendencia irreversible”.
José Manuel Silva, membro do xurado do Premio ARESA, destacou as tres razóns principais polas que se decantaron por este galardoar a CRAEGA: “Facer que a agricultura ecolóxica sexa un dos motores do desenvolvemento rural, cunha especial resposta á demanda de consumo en Galicia; defender un proxecto de control e regulación da produción de maneira multisectorial, e lograr que a agricultura ecolóxica sexa unha das causas principais para a maior implantación de mozos no mundo rural e agrario”.
Entre o resto de candidatos que se presentaron a esta edición do Premio ARESA 2018 están: Asoporcel, Galo Celta, Atelier Bisqato, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida DOP Cebreiro, Miceltia, o Sistema de deshidratación alimentado por enerxía solar para produtos agroalimentarios, a Cátedra do pan e do cereal e o Proxecto H2GZ Raising Water Para e Por Galicia.
Colaboración da Deputación con CRAEGA
O Goberno da Deputación colabora con CRAEGA impulsando feiras de produtos ecolóxicos, que en 2018 se celebraron en Monforte, Viveiro e Lugo. A Deputación foi a principal impulsora desta iniciativa, denominada Ágora Verde, achegando 25.000 euros para dar a coñecer estes alimentos na provincia de Lugo e informar aos consumidores dos beneficios para a saúde do produtos ecolóxicos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Ademais, Lugo conta coa maior superficie deste tipo de produción en Galicia o que dá boa conta da relevancia desta actividade para a economía e o emprego na provincia.
Premio ARESA
O Premio ARESA de Desenvolvemento Rural, foi creado no 2000 por Aresa en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de premiar a unha persoa, empresa ou institución que houbera contribuído de xeito salientable á mellora do ámbito rural de Galicia. Entre os obxectivos deste premio están os de contribuír a mellorar o benestar da xente que vive no rural recoñecendo e incentivando o I+D nos eidos agrícola e gandeiro e prestando especial atención á sostenibilidade dos recursos naturais e respecto á natureza.