O VI Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera dará a coñecer a riqueza das árbores autóctonas
O certame organizado pola Deputación está dotado cun total de 1.600 euros en premios en metálico para as tres mellores fotografías atendendo a criterios de composición, orixinalidade e calidade estética da imaxe
Raposo Magdalena explicou “organizamos este certame para impulsar o coñecemento das nosas árbores autóctonas e do seu valor ambiental. Procuramos fotografías de árbores con características extraordinarias ou de formacións arbóreas”
O prazo para a presentación de traballos permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2019. Poderán participar todas as persoas maiores de idade que estean interesadas, achegando unha única fotografía que non fose premiada en anteriores certames
Aberto o prazo para participar no VI Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses. Este certame organizado pola Deputación está dotado cun total de 1.600 euros en premio en metálico. Nesta ocasión o certame ten como temática as árbores autóctonas presentes dentro da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. O prazo para a presentación de traballos permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2019.
O Deputado de Medio Ambiente, José Luís Raposo Magdalena, explicou que “organizamos este certame para impulsar o coñecemento das nosas árbores autóctonas e do seu valor ambiental. Procuramos fotografías de árbores con características extraordinarias, que destaquen sobre o resto, xa sexa por idade, beleza, tamaño etc. ou de masas e formacións arbóreas como soutos e carballeiras”.
Poderán participar todas as persoas maiores de idade que estean interesadas, achegando unha única fotografía que non fose premiada en anteriores certames. Obterán premios as tres mellores fotografías atendendo a criterios de composición, orixinalidade e calidade estética da imaxe.
As obras, que poden ser en branco e negro ou en cor, deben realizarse no territorio das Reserva da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá. Os participantes deberán entregar un CD coa imaxe e unha copia en papel fotográfico, dentro dun sobre pechado que inclúa o nome e apelidos do autor, data de nacemento, enderezo, teléfono, correo electrónico, título da obra e lugar onde se realizaron.