O Presidente e o Alcalde de Meira asinan o convenio para poñer en valor o Pedregal de Irimia
O proxecto inclúe a construción dun paseo fluvial que permita a unión desta zona co núcleo urbano do municipio e que servirá para poñer en valor este territorio
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde do concello de Meira, Antonio de Dios, asinaron no Pazo de San Marcos o convenio interadministrativo polo cal a institución provincial colabora na adquisición de terreos para a construción dun paseo fluvial no río Miño ao seu paso polo municipio meirense. A institución provincial investirá 25.000€ para a compra dunha finca de 5.528 m2 coñecida como Monte Irimia, que está situada no entorno do Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do río Miño.
Considerada unha zona de especial protección medioambiental, o Pedregal de Irimia ten un gran valor social e natural e a Deputación de Lugo, en colaboración co Concello de Meira, entende necesario promover aquelas accións que permitan a súa conservación e posta en valor. Neste caso, ambas entidades acordan construír un paseo fluvial que permita a unión desta zona co resto da vila, para o que é necesaria a compra de terreos valorados en 37.400€. A institución provincial aportará o 67% do custe, e investirá na posta en valor da zona uns 25.000€, sendo o Concello o que aporte os 12.400€ restantes.
O concello de Meira é o punto do nacemento do río máis importante de Galicia, a uns 3 quilómetros do centro da vila. Situado a 700 metros de altitude, o berce deste río percorre 315 quilómetros e atravesa 3 das 4 provincias galegas, facendo fronteira con Portugal.