Consulta as mellores rutas para ir en bicicleta.
Nalgún lugar entre Monte de Acebedo e Monte Pena do Lobo nace o Rego de Mera. Neste percorrido seguiremos o seu cauce e intentaremos aproximarnos o máis posible ao lugar onde nace o Rego de Mera. Espéranos unha ruta entretida e cunha do máis variado, dende sendeiros e corredoiras entre carballos ata antigos camiños murados ou pistas de pedra rota. Ademais, tamén pasaremos por Santa Eulalia de Bóveda, polo que se non visitastes este lugar na ruta dos “Peregrinos, vacas e meigas” aquí tedes outra oportunidade para facelo.
Nesta ruta seguiremos o Camiño Real dende Lugo ata Friol, unha verdadeira “cicloestrada” ideal para aqueles aos que lles guste rodar por camiños a bo ritmo e disfrutar dunha paisaxe que nalgúns momentos parece transportarnos moitos anos no pasado.
O percorrido de regreso nos levará polas proximidades de Acebedo e Pena das Bestas, zona que xa coñecemos doutras rutas aínda que, neste percorrido, intentaremos variar os camiños de paso con respecto a elas.
Este percorrido entrelaza os cursos do Miño e do Narla perfilando unha ruta de baixa dificultade, sen grandes desniveis e que discorre principalmente por camiños anchos e de escasa dificultade técnica. Propoñemos dúas variantes que se diferenzan principalmente na zona da área recreativa de Outeiro. Calquera das dúas opcións é boa, polo que che recomendamos que fagas as dúas e comprobes cal pode convertirse na túa favorita.
Os Lagos de Teixeiro son unha área recreativa formada por bosques de pinares e robles entrecruzados por numerosos camiños e carreiros. O seu nome débese a unha serie de lagos artificiais, que xunto con varias zonas acondicionadas para o pícnic fixeron desta área un lugar moi popular dende que se inaugurou hai algo máis de 30 anos, cando era habitual ter que madrugar os domingos se un quería coller unha boa mesa á sombra. Aínda que na actualidade xa non está tan de moda como lugar de recreo, o certo é que segue sen perder nin unha chisca do seu interese para a práctica da bicicleta de montaña, tanto pola cantidade de quilómetros e pistas forestais que nos ofrecen, como pola paixase da zona.
A subida a Pena do Rei é todo un clásico: un sinfín de camiños e sendeiros conducen ao xeodésico que está neste alto. Talvez sexa a boa vista que ofrece dos arredores de Lugo, ou talvez o feito de quedar de paso en moitas rutas o que o converten nun lugar ben coñecido de todos os afeccionados á bicicleta de montaña.
Nesta ruta visitaremos Penas de Rodas, a orixe desta peculiar formación aínda é un misterio. Así, mentres que algúns expertos pensan que a súa orixe se debe a un proceso natural, outros ven detrás dela a man do home. En calquera caso, sábese que foron un importante lugar de culto e que son varias as lendas sobre a súa formación. Quizais a máis coñecida sexa a que conta que unha destas pedras está chea de ouro e a outra de alcatrán, se eres capaz de acertar a romper a primeira as riquezas serán inmensas pero, se rompes a segunda, o alcatrán será quen de escapar da súa prisión arrasando toda a zona. Así que, se estás pensando en probar sorte, procura ter a túa bicicleta preparada para abandonar o lugar rapidamente se te equivocas!
Se fai pouco tempo que andas a voltas coa bici de montaña, e prefires comezar facendo algunha ruta curta ou pouco complicada antes de apuntar a obxectivos de maior dificultade, a continuación propoñémoste varios percorridos que poden ser un bo comezo. Todos eles teñen unha baixa dificultade técnica e pouco desnivel acumulado.
Nesta ruta, seguindo o paso dos peregrinos polo Camiño Primitivo a Santiago, achegarémonos ao Santo Matías e a Santalla de Bóveda, lugares que aínda que seguramente non teñan nada de máxicos, o certo é que parecer paréceno. Ademais, aproveitaremos a ocasión para enlazar coa “Ruta das Chousas” e a “Ruta do vello Lugo agrario” e percorrer unha parte da paisaxe luguesa que permanece case inalterada a pesar do paso dos anos.
Este percorrido discorre case na súa totalidade por pistas de terra e algún sendeiro sen dificultade técnica. Ademais, propoñemos dúas variantes distintas para o percorrido que se entrelazan en varias ocasións, polo que che recomendamos facer as dúas e para logo combinalas ao teu gusto: fagas o que fagas sairá unha boa ruta!
O Pradairo é un pico que, con 1029 metros de altitude, se sitúa no longo cordal que forman as serras da Ferradura, Miradoiro e Vacariza. Iniciaremos o seu ascenso dende as proximidades de Mosteiro e, unha vez acadado o noso obxectivo, iremos ata Castroverde para dende alí regresar botando man do Camiño Primitivo de Santiago.
Se vos fixades no mapa, esta ruta é ben característica pola liña case recta que traza a medida que seguimos o cordal destas serras, pero non vos despistedes, a liña pode ser recta, pero non “plana”. En tres dimensións, teremos uns 10 quilómetros de subida constante e, aproximadamente, outros tantos de baixada.
Por outra banda, o terreo que nos espera será principalmente pistas forestais e camiños arbolados. As razón que nos levan a darlle un nivel de dificultade alto, son únicamente os 80 kilómetros de distancia e 1600 metros de desnivel acumulado xa que, en canto a dificultade técnica, o certo é que é ben escasa.
Nesta ruta saímos de Lugo cara ao Picato para achegarnos a Monte Calvo e o río Ferreira. O regreso será seguindo o Camiño Primitivo dende as proximidades da Retorta. É un percorrido por pistas de terra e estradas secundarias de escasa dificultade técnica, que se pode facer a bo ritmo e no que a única dificultade está na distancia a compretar.
O nome desta ruta quedará ben patente ao longo do seu percorrido. Non pararemos de cruzar ou seguir vías, xa sexa a vía do tren, a Vía Künig ou a Vía Romana XIX. A Vía Künig é unha variante medieval do Camino Francés, mentres que a Vía XIX era unha calzada romana que unía as cidades de Astorga e Braga pasando por Lugo e Pontevedra. Por outra banda, a vía do tren é unha vía pola que pasa o tren, así que non vos recomendamos pasar moito tempo nela salvo que sexades fans dos deportes de risco. As outras dúas, en cambio, son ciclables, están sinalizadas e si que paga a pena seguilas. Ademais de tanta vía, tamén nos espera algún vadeo e unha visita á área recreativa de O Chamoso: puntos de interese non van faltan!
Partimos do Paseo do Rato para subir ao Pico do Páramo, un alto nas proximidades de Sarria ao que paga a pena ir por varias razóns: as vistas, o longo tramo de subida que nos permite facer e, por suposto, a merecida costa abaixo da que disfrutar no camiño de regreso. En xeral a subida, aínda que longa, é bastante tendida salvo por un par de "agasallos" que nos esperan xusto ao final. Isto, xunto cunha lonxitude que supera os 70 quilómetros, é polo que calificamos a dificultade como alta, xa que case non ten dificultade técnica ningunha e o terreo que nos espera son pistas forestais, camiños e algún tramo de enlace por estrada secundaria.
O percorrido ata O Picato non ten dificultade técnica ningunha e a súbida, aínda que moi longa, non ten tramos de excesiva pendiente salvo no último quilómetro. De feito, á vista do perfil da ruta, se vos preguntan se ten moitas subidas, podedes dicir que só hai unha, duns 15 quilómetros… pero só unha!
Este percorrido ten o aliciente de transcorrer por moi distintos terreos e paisaxes, dende pistas forestais e devasas bordeadas por piñeiros ou carballos ata estreitos carreiros á beira do río cubertos por bidueiros. Achegarémonos ademais a algúns dos caneiros e muíños máis singulares da zona. A dificultade é baixa en todo o percorrido, exceptuando o tramo que nos leva ás proximidades de Pena do Rei, onde se concentra todo o desnivel tanto de subida como de baixada, este último en forma dun longo e divertido descenso ata as proximidades do río.
No percorrido de regreso, temos dúas opcións para o tramo que vai dende o quilómetro 25 ata a Ponte de Ombreiro. Unha posibilidade é ir por un sendeiro que vai seguindo a beira do río; a outra é desviarse por unha estrada asfaltada.
Como variante, propoñémosvos un bucle para visitar o Caneiro de Santa Isabel e as Ínsuas do Miño, alongando a ruta ata os 52 km. E, xa que imos pasar por Outeiro de Rei, de seguro que paga a pena desviarse un chisco ata o polígono de Matela para coñecer o circuíto de Trial froito do magnífico traballo do "Teambike Outeiroderei”. O acceso é libre e, se cadra, a algún lle entra o gusanillo e termina por ser un fan desta disciplina.
A dificultade da ruta é media, cun desnivel acumulado de 950 metros e con algún tramo de baixada no que convén ser precavidos. Polo demais, a paisaxe non defrauda e de seguro que é un percorrido que ides repetir.
Tedes dúas variantes da ruta, a principal diferenza entre ambas as dúas está no percorrido elixido para chegar ata as proximidades da canteira e nos camiños que seguiremos para rodeala. Calquera das dúas opcións é boa, polo que, unha vez máis, a nosa recomendación é que non deixedes de facer ningunha delas.
Algúns son sendeiros de pescadores, outros seguen as pegadas das motos ou son antigos camiños que se van cerrando pola maleza, algúns naceron como circuítos de descenso para bicis e outros, simplemente, polo empeño de algúns de pasar moitas veces por un mesmo sitio. En calquera caso, independentemente da súa orixe, temos a sorte de ter á nosa disposición moitos quilómetros de sendeiros para a práctica do BTT. Nesta ruta enlazaremos algúns dos nosos preferidos coa esperanza de que tamén se convirtan nalgún dos vosos.
Nesta ocasión iremos de visita ao lugar de Cotá, unha pequena poboación ao carón do río Narla. O percorrido que seguiremos non ten ningunha dificultade técnica: principalmente camiños e pistas de terra. Trátase dunha ruta doada cun desnivel acumulado de 680 metros e cun nivel de dificultade que calificamos como medio únicamente por superar os 50 km.
Como noutras ocasións, deixamos dous trazados para esta ruta. Recomendámosvos facer o de referencia, xa que é o que vos levará por unha maior cantidade de camiños non incluídos noutras rutas. A variante da ruta difenrénciase principalmente en que realizaremos parte do percorrido de ida polo Camiño Real de Friol, que xa coñecemos da ruta con ese mesmo nome. En calquera caso, tampouco é unha mala opción: que todos os camiños leven a Cotá!