Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo participa na XVII Festa das Persoas Maiores de Xermade

Xermade
Festa das persoas maiores

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres xunto ao Deputado de Participación Cidadá e Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, na XVII Festa das Persoas Maiores deste municipio chairego. Un encontro que comezou cunha misa na igrexa parroquial, seguida da actuación dun grupo musical na praza do Concello. Logo celebrouse a tradicional comida e pola tarde houbo baile e o recoñecemento ao home e a muller de maior idade con entrega de agasallos, actos nos que participou o Deputado. 

Rivera Capón puxo en valor que a atención de calidade ás persoas maiores na rede pública de residencias provinciais é un dos piares na acción de Goberno da Deputación, “dentro do noso compromiso coas políticas sociais, ás que destinamos un terzo do Orzamento total da institución”. O Deputado felicitou ao rexedor e ao Concello por recuperar este encontro grazas ao que “os nosos maiores se poden volver a xuntar nesta festa tan especial, porque eles sufriron especialmente a pandemia, polo perigo para a súa saúde e polas limitacións sociais que impuxo a Covid”.