Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación de Lugo participa na reunión da Rede de Reservas da Biosfera de España que ten lugar en Gran Canaria

Reservas da Biosfera
Reserva Terras do Miño
Reserva Ancares
Na xuntanza celebrada estes días aprobáronse cuestións relevantes para o futuro destes territorios, como un novo sistema de indicadores ou o Plan de Investigación

A institución provincial, que xestiona as Reservas de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, é a única representante destas áreas recoñecidas pola Unesco na provincia que acudiu ao encontro

A Deputación de Lugo participa esta semana na XXI Reunión do Consello de Xestores da Rede de Reservas da Biosfera de España que está tendo Lugar no municipio de Tejeda, Gran Canaria, e ao que asistiron boa parte dos representantes dos 53 territorios que contan en España co recoñecemento da Unesco. 

A institución provincial, que xestiona dúas das catro Reservas da Biosfera da provincia de Lugo, en concreto as de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, é a única representante destas áreas na provincia que acudiu ao encontro canario.

Na xuntanza, á que acudiu a técnica das Reservas xestionadas pola Deputación, Andrea Macho Benito, aprobáronse estes días cuestións relevantes para o futuro das Reservas, como un novo sistema de indicadores para facer seguimento e recompilar información sobre as formas de traballo nestes espazos e tamén o Plan de Investigación, unha folla de ruta para poder aplicar as políticas de desenvolvemento sostible en cada un deles.

Entre os asuntos tratados en Gran Canaria tamén se abordou a situación actual dos Fondos Next Generation e o seu posible impacto nas Reservas, como repercuten os grandes incendios forestais e a implantación dos parques eólicos e fotovoltaicos nestes territorios.

A Deputación de Lugo mantén unha liña de traballo para a Reserva Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Navia, Cervantes e Becerreá  baseada na xestión sostible dos recursos, destinadas a atraer novas iniciativas que ligan o I+D á protección ambiental e o desenvolvemento do sector primario, buscando contribuír a fixar poboación nas contornas rurais.