Deputación de Lugo

A Ribeira Sacra, protagonista hoxe do Fórum Lugo 2022

Forum Lugo 2022
España Creativa

A Ribeira Sacra converteuse este venres no escenario de celebración da segunda xornada do VIII Fórum de Cidades e Territorios Creativos de España - Fórum Lugo 2022, do que é anfitrioa a Deputación de Lugo tras resultar gañadora na edición anterior da Copa de España Creativa. Os finalistas e participantes deste encontro, chegados de diversos puntos da xeografía española, desprazáronse ata o Parador de Monforte, onde foron recibidos pola tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, para dar continuidade ao programa deste encontro que se celebra dende o xoves e ata o sábado, cando se coñecerá o gañador do certame. 

Durante a mañá celebrouse un foro no que participou a poetisa Olga Novo, o artista urbano Diego As, e o fotógrafo Manuel Valcárcel. Así mesmo, os finalistas tiveron a oportunidade de defender as súas candidaturas ante os representantes do xurado experto. Pola tarde celebrouse no Museo do Viño un foro de debate con Uxío Novo, da Fundación Uxíonovoneyra; Elías Gundivós, de Artesanía Gundivós; Alexandra Seara, do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; e Carolina Pereira, secretaria executiva do Ministerio das Culturas, Artes e Patrimonio do Goberno de Chile. 

A maiores, os participantes puideron desfrutar dunha ruta nun catamarán da Deputación polos canóns do Sil e probar os caldos da Ribeira Sacra, dúas actividades que tiñan como obxectivo amosar aos participantes do Fórum Lugo 2022 a paisaxe e a cultura desta zona da provincia de Lugo. 

Fórum Lugo 2022-Monforte