Gran acollida da estrea en Fitur da curta Amor Viaxeiro, realizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo
“É un orgullo ver o enorme talento e a ilusión que demostraron os rapaces e rapazas con este traballo, ademais de supoñer un incentivo para seguir impulsando a formación pública que ofrecemos no noso centro en torno a unha industria cun gran potencial, que enriquece a cultura e crea economía e emprego na nosa provincia”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou coa Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, na estrea en Fitur de Amor Viaxeiro, unha curtametraxe realizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da institución provincial que resultou premiada por Netflix e Turespaña no concurso Cómo dirías que es España sin decirlo.
O traballo audiovisual foi gabado pola propia Ministra e tivo unha gran acollida entre o público asistente á súa proxección, sendo unha das pezas que máis aplausos recibiu durante o acto, no que tamén se estrearon as outras catro curtas galardoadas no certame de ámbito nacional, seleccionadas de entre as 40 candidaturas presentadas.
Na proxección tamén estivo presente a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, así como o actor Chechu Salgado, o actor soberino premiado cun Goya no 2022 que protagoniza a nova campaña de promoción turística da Deputación, Lugo, Provincia Románica, presentada precisamente pola institución no marco da Feira Internacional de Turismo.
O Presidente felicitou aos alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación galardoados no certame de Netflix e Turespaña, tanto polo tema abordado na curta, como pola propia realización e produción. “Fan unha extraordinaria promoción do territorio, pero van máis alá e abordan un tema de calado social. Transmiten calidade técnica e ó mesmo tempo valores moi importantes para a sociedade”, subliñou José Tomé, para quen “é un orgullo ver o enorme talento e a ilusión que demostraron os rapaces e rapazas con este traballo, ademais de supoñer un incentivo para seguir impulsando a formación pública que ofrecemos no noso centro en torno a unha industria cun gran potencial, que enriquece a cultura, e crea economía e emprego na nosa provincia”.
Lucas Alba, Mario Bello, Miguel Bouzas, Sara Casanova, Erea Díaz, Mateo Longa e Paula Vilariño son os autores da curta Amor Viaxeiro, que realizaron baixo a supervisión do seu titor, Hugo Fernández. Presentaron o pasado xuño a súa idea a responsables de Netflix e Turespaña, do que recibiron 7.000€ para a produción, filmación e prostprodución do proxecto. O audiovisual promociona o territorio provincial e autonómico, incluíndo, por exemplo, espazos da Mariña e da Ribeira Sacra.
Amor viaxeiro, rodado en galego, conta a historia de Uxía, unha rapaza galega que percorre a provincia de Lugo e Galicia na procura dos recordos da súa avoa, que sofre alzheimer. O proxecto debía plasmar a esencia de España, das súas xentes, paisaxes, tradicións ou gastronomía, amosando formas de vida sostibles que coiden o medio ambiente, a economía e o patrimonio sociocultural. Os alumnos escribiron unha historia na que, ademais do aspecto turístico, abordan outros asuntos, como a visibilidade do colectivo LGTBI.