Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia os traballos de mellora da rotonda do polígono de Rábade e a estrada que vai a Vilar de Seo

Rede provincial de estradas
Polígono industrial
RABADE
A institución provincial está renovando cun investimento de case 50.000€ o firme no primeiro treito da vía LU-P-5103, que une Rábade con Vilar de Seo, e tamén mellora a rotonda do polígono industrial dotándoa dunha nova pavimentación

A Deputación de Lugo vén de comezar as obras de mellora do firme e a seguridade viaria en dúas estradas provinciais ao seu paso polo municipio de Rábade cun investimento de case 50.000€. Trátase da vía que comunica o núcleo da localidade con Vilar de Seo e tamén a glorieta do polígono industrial. 

Por unha banda, a institución acondiciona o firme da LU-P-5103, que comunica Rábade con Vilar de Seo nos 400 metros da vía.  Os traballos consisten na reapertura de cunetas na LU-P-5103, eliminando a vexetación e os soterramentos para beneficiar o sistema de drenaxe desta estrada. Logo pavimentarase a vía con aglomerado en quente e farase a sinalización correspondente.

A Deputación renova así mesmo a glorieta do polígono industrial da localidade, que é a que comunica a LU-P-5101 (de Rábade a Friol), coa LU-P-5104 (de Rábade a San Martiño de Caboi). Os traballos consisten na reposición do pavimento con aglomerado en quente, xa que se atopa deteriorado ao ser unha vía que soporta unha alta densidade de tráfico de gran tonelaxe. Unha vez finalizada a pavimentación, realizarase o pintado das vías mediante marcas viarias reflexivas brancas.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, salienta a importancia das actuacións porque estas estradas dan servizo a moitos veciños e veciñas, e dan acceso ao polígono industrial, que mantén un nivel alto de tránsito de camións e coches cada día. Do mesmo xeito, recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para a Deputación porque defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia. Unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”. 

A Deputación de Lugo destinou dende o ano 2019 ao concello de Rábade máis de 1,4M€ a través de diferentes vías de actuación que melloran os servizos e a calidade de vida dos veciños e veciñas.