Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente visita os terreos para a rehabilitación do campo de fútbol Catro Ventos, en Rábade

Rábade
A Deputación de Lugo e o Concello chairego acordaron colaborar para a mellora destas instalacións municipais, moi empregadas pola veciñanza para a práctica deportiva, cun orzamento de 200.000€

Os traballos, financiados integramente pola institución provincial, permitirán unha renovación do muro de peche, a mellora das bancadas e a pavimentación da zona peonil, entre outras actuacións

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o tenente de Alcalde de Rábade, Alejandro Martínjez, visitaron este venres os terreos para a rehabilitación e mellora do campo de fútbol Catro Ventos, empregado polo equipo local para disputar os seus partidos e adestrar. A Deputación de Lugo financia integramente esta actuación a través dun convenio de colaboración co Concello cun orzamento de 200.000€.

Os traballos contemplan a renovación do peche do campo de fútbol, a rehabilitación da bancada, a renovación da cuberta e a dotación de novas portas de acceso, tanto peonil, como de vehículos, o que aumentará a capacidade da veciñanza para asistir ao campo de fútbol. Tamén se construirá unha plataforma para o acceso de ambulancias e de maquinaria. 

Por outra banda, mellorarase o firme da zona do ximnasio existente na esquina da rúa Cantarrana co camiño Carpaciñas e demolerase a caseta de madeira do outro lado, entre a rúa Bautista Núñez e Carpaciñas.