Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo participa na Festa dos Avós de Láncara

Láncara
José Tomé Roca felicitou ao Concello pola organización do encontro, co que recoñece “o que aportaron e o que seguen aportando a Láncara as persoas maiores, un puntal da sociedade”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo na Festa dos Avós de Láncara xunto ao Alcalde do municipio, Dario Piñeiro, e o primeiro tenente de Alcalde e Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

O mandatario provincial felicitou ao Concello pola organización do encontro, co que recoñece “o que aportaron e o que seguen aportando a Láncara as persoas maiores, un puntal da sociedade”, tanto polo acervo cultural que atesouran, como polo movemento económico que favorecen coa súa actividade. José Tomé subliñou a necesidade de contar con servizos públicos de calidade, como educación, sanidade, medidas de conciliación e atención aos maiores para axudar a fixar poboación no rural. Por iso, engadiu, “na Deputación lle damos tanta importancia a abrir centros de atención a maiores nos concellos do rural”.

Unhas 500 persoas participaron este domingo na Festa dos Avós de Láncara, que se desenvolveu nun ambiente festivo e de reencontro. Celébrase no marco da programación organizada esta fin de semana polo Concello con motivo da Feira Degustación da Tenreira Galega.