Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente supervisa as obras de mellora da estrada de Vilademouros, no Incio, que financia a Deputación

VILADEMOUROS
O Incio
José Tomé mantivo un encontro con veciños e veciñas desta parroquia para comprobar o avance destes traballos executados ao abeiro do Plan Único de Cooperación cos Concellos, ao tempo que coñeceu o local social do colectivo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou as obras de mellora da vía municipal que vertebra a parroquia de Vilademouros, no municipio do Incio, convidado pola asociación veciñal desta parroquia. A institución provincial financia estes traballos a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos e, no seu conxunto, supoñen un investimento de 90.000€.

As obras execútanse en dúas fases. Unha delas correspóndese ao treito que une Vilademouros con Santalla, cun investimento de 35.514,25€; e a segunda, que se corresponde ao treito que conecta os núcleos de Outeiro con Santalla, ten un orzamento de 53.429,67€. Os dous proxectos teñen como finalidade dotar dun novo firme esta arteria de comunicación que, ademais de dar servizo ás vivendas desta zona, soporta o tráfico rodado que chega á mina de magnesitas de Rubián.   

José Tomé mantivo un encontro con veciños e veciñas de Vilademouros no propio local social do colectivo, que foi arranxado en diferentes anualidades coa colaboración da Deputación provincial, contribuíndo coa subministración de auga ou coa creación da pista deportiva.