Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación promociona o patrimonio de Lugo no Día da Transrománica

A institución provincial organizou unha ruta pola Catedral e a Cidade Medieval dentro dos itinerarios gratuítos que organiza, e que continuarán a vindeira fin de semana por Monforte, Chantada, O Courel, Sober, Meira, Lugo e Viveiro

A Deputación de Lugo celebrou este martes o Día da Transrománica cunha visita gratuíta á Catedral e á Cidade Medieval de Lugo. Esta actividade forma parte do programa de rutas polo románico da provincia organizadas pola institución provincial. Un ciclo de balde para os participantes, que comezou a pasada fin de semana con percorridos por Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, Taboada e Foz, e que continuarán o vindeiro sábado e domingo con itinerarios por Monforte, Chantada, O Courel, Sober, Meira, Lugo e Viveiro.

As inscricións poden facerse a través da web da institución provincial: https://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/dia-da-transromanica

Trátase da terceira edición desta iniciativa, que a Deputación promove para dar a coñecer e poñer en valor o románico da provincia a partir do seu ingreso no ano 2020 na Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa.