Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación finalizou as obras do polígono de Cospeito e a súa posta en marcha só depende agora do Concello

Polígono industrial
Cospeito
A institución provincial completou os traballos de urbanización que lle correspondía acometer, mentres a entidade local debe dotar ao complexo dos servizos necesarios de auga e alcantarillado, con capacidade suficiente para a demanda industrial, tal e como recolle a cláusula 4ª do convenio de colaboración asinado entre ambas institucións

A Deputación de Lugo informa de que a totalidade das obras do polígono industrial que a institución construíu en Cospeito está finalizadas. Polo tanto, a súa posta en marcha só depende agora do Concello.

A institución provincial asumiu no ano 2020 este proxecto, que estaba en mans da extinta Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), e a día de hoxe ten completados os traballos de urbanización que lle correspondía acometer, nos que fixo un investimento de 1,3 millóns de euros.  A actuación incluíu o movemento de terras, as redes de saneamento, pluviais, abastecemento, alumeado público, telecomunicacións, gas, centro de transformación e sinalización do complexo industrial. 

Pola súa parte, ao Concello de Cospeito correspóndelle dotar ao complexo dos servizos necesarios de auga e alcantarillado, con capacidade suficiente para a demanda industrial, tal e como recolle literalmente a cláusula 4ª do convenio de colaboración asinado entre a Deputación, a  entidade local e SUPLUSA o día 1 de xaneiro do ano 2005 para a construción do polígono. Estes son os servizos que faltan para que a infraestrutura poida entrar en servizo.