Cervantes celebra a III Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, coa que colabora a Deputación
O Deputado de Medio Ambiente e tamén Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, participou este sábado xunto ao Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tedín, na III Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, organizada en San Román pola asociación Territorio Verde e o Concello. A institución provincial colabora coa celebración desta cita cunha achega de 5.000€.
O feiral, que reuniu a numeroso público, incluíu a subasta de 4 xovencas preñadas cedidas pola Granxa Gayoso Castro da Deputación. Raposo Magdalena destacou “o éxito da terceira edición desta cita que visibiliza as nosas tradicións recuperando as orixes gandeiras das feiras de antano”, celebrando un día festivo, sinalou, “que supón todo un revulsivo económico e turístico para a Montaña de Lugo”. O Deputado participou tamén na entrega de premios aos mellores exemplares presentados á feira, que reuniu ao redor de 60 gandeiros e 180 animais na parroquia cervantega.
A Asociación Territorio Verde co apoio do Concello recuperou no ano 2019 esta tradicional feira co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense. Na súa organización colaboran unhas 90 persoas, dende o Concello, a asociación, negocios da comarca, e persoas que de xeito desinteresado traballan para sacar adiante o evento.
No recinto feiral danse cita animais de gran variedade de razas de gando vacún coa rubia galega como protagonista. Tamén conta con outros animais como cabalos, cabras ou ovellas. A xornada está amenizada cos grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleiros, e a actuación de Tania e o seu acordeón.