A Deputación aproba un convenio co CERCUD de Baamonde para reparar a cuberta do muíño existente na zona recreativa
A Deputación de Lugo aprobou este venres un convenio de colaboración co Centro Recreativo, Cultural e Deportivo (CERCUD) de Baamonde para financiar cunha aportación de preto de 50.000€ a reparación da cuberta dun antigo muíño situado neste espazo natural de lecer.
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, reuniuse con representantes do colectivo para informalos do acordo, que permitirá acometer un proxecto que consiste na retirada da cubrición de lousa, e do entaboado e a estrutura de cuberta de madeira; na colocación da estrutura e entaboado de madeira de castaño, conservando as características da edificación existente, aproveitando o material que estea en bo estado e aportando o que sexa necesario, incluíndo o acondicionamento e reparación da coroación dos muros de apoio da cuberta, así como a reposición da cheminea de pedra; e a cubrición con lousa irregular de iguais características á existente. En todo momento, respectaranse as características da construción tradicional, tanto en relación aos materiais e acabados, como a morfoloxía e a proporción de ocos.
As obras teñen un prazo de execución de catro meses unha vez iniciadas, e forman parte das actuacións necesarias para acadar o obxectivo do CERCUD de converter o antigo muíño nun museo etnográfico do pan e potenciar así este espazo de lecer.
O CERCUD de Baamonde foi fundado a finais da década dos 70 co obxectivo da promoción cultural, artística e deportiva, así como para o fomento de actividades de ocio e tempo libre.