Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación amplía as prazas para as actividades gratuítas de lecer e educación ambiental polo Día do Medio Ambiente

Medio Ambiente
Están dirixidas a nenos e nenas a partir de 6 anos e desenvólvese esta mesma semana de mércores a venres en horario de tarde no Pazo de San Marcos e nos Xardíns da Deputación, e o sábado en horario de mañá no Centro de Interpretación Terras do Miño

A Deputación de Lugo amplía as prazas para as actividades gratuítas que organiza para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental con motivo do Día do Medio Ambiente. Desenvólvense durante as tardes deste mércores, xoves e venres no Pazo de San Marcos e o sábado en horario de mañá no Centro de Interpretación Terras do Miño. 

Están dirixidas a nenos e a nenas a partir de 6 anos e teñen lugar en horario de 17:00 a 20:00 horas no Pazo de San Marcos, aproveitando os Xardíns nunha gran parte das actividades se o tempo o permite. O sábado, de 10:00 a 14:00 horas, no Centro de Interpretación Terras do Miño. As persoas interesadas deberán anotarse chamando ao 982.227.813 ou mandando un email a und.medioambiente@deputacionlugo.org

Para este mércores, 7 de xuño, está previsto un taller de estampado e un taller de hotel de insectos. O xoves, 8 de xuño, farase un taller de elaboración de caixas niño e xogarase a un bingo da natureza no que se porá en valor a biodiversidade da zona. Para o venres, 9 de xuño, organizarase un taller de pintura creativa, onde os participantes debuxarán sobre lenzo con témperas e pinceis, ademais de decorar macetas de barro na que plantarán unha planta que levarán para a casa. 

O sábado, 10 de xuño, será a última xornada no Centro de Interpretación Terras do Miño. Os pequenos e pequenas farán talleres de minihortas, nos que plantarán especies de plantas hortícolas.