Deputación de Lugo

A Deputación renova a colaboración co Resurrection Fest cun patrocinio de 150.000€

Resurrection Fest
Viveiro
O Deputado en funcións de Promoción Económica e Social sinalou este luns na presentación do festival, que tivo lugar na praza de San Marcos, que a cita encaixa co modelo de turismo de experiencias que impulsa a institución provincial

Pablo Rivera: “O Resu é importante polo seu retorno económico e polo emprego que xera arredor da organización do festival. E pon a Viveiro, á Mariña e á provincia de Lugo, no mapa internacional como un destino de referencia”

A Deputada e Alcaldesa en funcións de Viveiro valorou “moi positivamente a repercusión do festival na economía local, con días de alta ocupación hoteleira non só en Viveiro, senón na comarca e con moita actividade no sector servizos”

Entre as novidades deste ano, o co-director e organizador do evento musical apuntou que para a súa 18 edición, do 28 de xuño ao 1 de xullo, “o cartel contará cuns 100 artistas divididos en 4 días e 4 escenarios e será o programa con máis bandas internacionais que nunca tivemos”

O Deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este luns na Praza de San Marcos a renovación da colaboración da Deputación de Lugo co Resurrection Fest, que para a súa 18 edición contará cun patrocinio da institución provincial de 150.000€. “É un pracer ver como este festival de referencia camiña con forza cara completar dúas décadas de existencia”, apuntou Rivera Capón sobre esta cita, que se desenvolverá do 28 de xuño ao 1 de xullo.

No acto participaron tamén a Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa en funcións de Viveiro, María Loureiro, e o co-director e organizador do evento musical, Iván Méndez; aos que o Deputado agradeceu ser quen de “saber xestionar tan ben a herdanza do que foi Alcalde de Viveiro Melchor Roel, un visionario que apostou forte por esta cita”.

“Este festival é unha historia de éxito feita a si mesma, un exemplo do que unha iniciativa dun grupo de afeccionados pode conseguir co respaldo intelixente do Concello e do conxunto das administracións públicas, e o máis importante, da xente”, destacou o Deputado. Puxo en valor a evolución da cita musical como “un evento que combina ese acervo cultural co turismo experiencial e tamén coa música. Unha mestura máxica que fai do Resu un evento indispensable e diferente no calendario internacional”. E destacou que esa liña do turismo de experiencias é a que tamén impulsa a Deputación.

Pablo Rivera explicou que “o Resu é importante polo seu retorno económico e polo emprego que xera arredor da organización do festival. E pon a Viveiro, á Mariña e á provincia de Lugo, no mapa internacional como un destino de referencia” e destacou que “conta con pequenos detalles que para min marcan a diferencia, como o seu carácter conciliador e integrador ou que poida desfrutar del toda a familia. Iso fai deste festival unha cita diferente, pola música e pola capacidade de conciliación tan necesaria durante o verán e que tanto reivindican as nais e os pais”.

As novidades da edición 

Iván Méndez destacou que “o festival alcanza a maioría de idade nun estado de forma moi bo, xa que nas últimas cifras manexadas pola Asociación de Promotores Musicais e a industria musical, o Resurrection Fest está entre os 10 festivais máis grandes de España, sendo o maior dos festivais de rock e metal do país”, ademais de contar co récord de ser o festival máis grande celebrado en España nunha vila de menos de 20.000
habitantes. 

“O cartel deste ano contará cuns 100 artistas divididos en 4 días e 4 escenarios. Os cabezas de cartel dos días principais terán as súas datas únicas en España e será o cartel con máis bandas internacionais que nunca tivemos no noso festival nin tampouco nun evento en Galicia, con 75 bandas de fóra de España”, apuntou Méndez.

O responsable do festival explicou que este ano contarán cun “bulevar que imita as tendas de discos históricas a nivel mundial, unha igrexa onde a xente poderá casarse, concertos secretos de artistas internacionais e unha maior zona de descanso que nunca onde a xente poderá acampar durante o festival e desfrutar de diversas actividades que pronto se desvelarán”.

O seu impacto económico

Respecto ao impacto económico, o organizador do Resurrection sinalou que de cada 10 euros investidos no festival, “4 quédanse na industria da música, mentres outros 6 devólvense para a contorna. E xuntando o impacto socioeconómico e o mediático, o impacto do Resurrection Fest sitúase nuns 25 millóns de euros para a comarca”.

Nese sentido, María Loureiro valorou “moi positivamente a repercusión do festival na economía local, con días de alta ocupación hoteleira non só en Viveiro, senón na comarca e con moita actividade no sector servizos”. Segundo a Alcaldesa de Viveiro, “é tamén un reto acoller o Resurrection Fest polos milleiros de persoas que nos visitan”, agradecendo o esforzo dos organizadores e das forzas de seguridade que “durante os 4 días do festival traballan sen descanso para que todo transcorra con normalidade”.